Case 400 escolares descubriron a ciencia sen distincións de xénero nunha nova edición de eXXperimenta en Feminino

A novena edición da feira científica organizada polo Campus de Ourense co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia encheu este venres o campus con preto de 400 estudantes de toda a provincia, nunha xornada dedicada a achegar a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (CTEM) sen prexuízos de xénero. A iniciativa contou coa participación de máis de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, procedentes de distintas facultades do campus.
Durante a mañá, os centros educativos que reservaron praza puideron participar en experimentos prácticos en 13 postos diferentes, nos que o alumnado explorou desde a observación de microorganismos na auga e a creación de arco da vella, ata experimentos con nubes e tornados, programación básica e o funcionamento dun túnel de vento aeronáutico. “É moi importante que a rapazada coñeza o noso campus, vexa o traballo das nosas investigadoras e investigadores e participe activamente na ciencia”, destacou Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.
Pola súa banda, Alma Gómez, representante do equipo organizador, subliñou que “cada ano recibimos máis solicitudes de colexios, e aínda que non podemos acoller a todos, seguimos celebrando a feira porque a desigualdade nas carreiras CTEM persiste”. Gómez lembrou que, aínda que o alumnado universitario feminino representa arredor do 50 %, a súa presenza nas carreiras tecnolóxicas baixa ao 30 %, e en Enxeñaría Informática apenas alcanza o 15 %.
Pola tarde, a actividade abriuse ao público xeral con entrada libre e incluíu a conferencia “Barbies e robots”, impartida pola divulgadora científica Deborah García Bello, na que se abordou a importancia da ciencia de materiais e da tecnoloxía desde unha perspectiva de xénero. Ademais, entregáronse os premios do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, completando unha xornada que combinou aprendizaxe, experimentación e visibilización de referentes femininos na ciencia.
Simultaneamente, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu a sesión ‘Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa’, coa participación de profesionais como Dora Casal, Alicia María Gómez e Lucía Novel, nun encontro orientado a mostrar exemplos de innovación, liderado e compromiso feminino en distintos sectores.