Castrelo de Miño acollerá a Liga Galega de Remo Olímpico e o primeiro campionato galego de traiñeiras de longa distancia

O Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, converterase este ano nun dos principais escenarios do remo galego coa celebración da Liga Galega de Remo Olímpico 2026 e do Campionato Xunta de Galicia de Traiñeiras de Longa Distancia. Ambas competicións foron presentadas na Delegación Territorial da Xunta en Ourense nun acto no que participaron representantes institucionais e do ámbito deportivo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, explicou que a pista de Castrelo de Miño acollerá as cinco xornadas puntuables da Liga Galega de Remo Olímpico, que se desenvolverán entre marzo e novembro. A primeira cita terá lugar este sábado 7 de marzo, con ata 32 regatas programadas entre as 10.00 e as 13.30 horas. Ao remate da xornada realizarase tamén a entrega de trofeos aos gañadores da liga correspondente á tempada 2025.
Na competición está prevista a participación dunha ducia de clubs galegos, coa única representación ourensá do Club Náutico Castrelo de Miño. Ademais, asistirán clubs convidados procedentes de Asturias e do norte de Portugal, que competirán sen puntuar para a clasificación final.
As categorías puntuables abranguen desde alevín ata absoluta, con embarcacións de un e dous tripulantes. Ademais, haberá probas para barcos de catro e oito remeiros, así como competicións nas categorías veteranas e de remo adaptado. En cada xornada agárdase a presenza de arredor de 300 deportistas.
Xunto á liga disputarase tamén unha proba inédita no calendario galego. O encoro de Castrelo de Miño acollerá o xoves 19 de marzo o primeiro Campionato Xunta de Galicia de Traiñeiras de Longa Distancia, unha modalidade pouco habitual neste tipo de embarcacións e que ademais se celebrará por primeira vez en augas doces.
As tripulacións deberán completar un percorrido de 7 quilómetros nas categorías absolutas e de 5 quilómetros nas veteranas, nun circuíto de ida e volta cunha única virada. A competición desenvolverase en formato contrarreloxo, con saídas cada minuto a partir das 11.00 horas e coa participación prevista de entre 40 e 50 traiñeiras, o que suporá reunir máis de medio milleiro de remeiros.
A organización destas citas corre a cargo da Federación Galega de Remo e do Club Náutico Castrelo de Miño, co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense e do Concello de Castrelo de Miño.