CCOO nega que o CAPD de Ourense careza de medios persoais e materiais axeitados

OurenseXa
O sindicato desminte as declaración feitas pola conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre a falta de persoal propio e cualificado para atender as necesidades do centro
Mobilizacións da Plataforma ProCAPD Ourense
28 Jan 2025

O sector da Administración autonómica de CCOO desmente as recentes declaracións da conselleira de Política Social e nega que o Centro de Atención ás Persoas con Diversidade Funcional de Ourense careza de medios persoais e materiais axeitados. “Esta afirmación obedece a un pretexto sen fundamento para tentar xustificar a privatización da xestión”, denuncia o sindicato.

En declaracións reproducidas por varios medios de comunicación, Fabiola García mesmo chega a concretar cales son as categorías laborais onde non habería ese persoal propio cualificado: psicoloxía, traballo social, educación social, terapia ocupacional e logopedia. Tras o que a conselleira acaba afirmando que esa ausencia faría “necesario externalizar a xestión do centro”.

Ante isto, CCOO lembra que o procedemento de selección de persoal temporal no ámbito da Administración autonómica é público e pódese acceder a el a través da páxina web da Xunta de Galicia. “Abonda cunha simple consulta” ao estado das listaxes de contratación para cada unha das categorías, explica CCOO, para desmentir tales afirmacións.

0.17078804969788