Celanova inaugurará este domingo un memorial para homenaxear ás vítimas da represión franquista

Este domingo, 23 de marzo, Celanova acollerá a inauguración dun memorial dedicado ás 90 vítimas da represión franquista soterradas no cemiterio de San Breixo entre 1936 e 1943, cando se clausurou a Prisión Central. O acto reunirá a máis dunha ducia de familias que, grazas ao traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, foron localizadas para participar nesta homenaxe.
A maioría das vítimas eran naturais de Asturias, pero tamén haberá representación de Castela e León, Madrid, Castela-A Mancha, Andalucía, Estremadura e Monforte de Lemos. O recoñecemento busca poñer en valor a memoria das persoas represaliadas e visibilizar a súa historia nun espazo de recordo.
O memorial consiste nunha prancha de ferro que sostén dúas placas de aceiro co nome das vítimas e a inscrición: “En recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio”. Eríxese sobre unha sepultura simbólica que homenaxea a todas as persoas represaliadas na comarca. O deseño, obra do artista celanovés Baldomero Moreiras, inclúe dúas pombas similares á da placa instalada no antigo cárcere de mulleres de Celanova.
Ademais, en paralelo, instalouse un monumento creado por Uqui Permui en forma de banco de pedra e malla, promovido polo equipo de Histagra dentro do Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021-2024. Esta peza conectará a exhumación das fosas en diferentes cemiterios e contará cunha inscrición sobre os restos dos sete asturianos atopados no xardín central do camposanto.
Os actos do 23 de marzo incluirán unha recepción institucional por parte do Concello de Celanova ás familias e ás autoridades que confirmaron a súa asistencia, como a Dirección Xeral de Memoria Democrática de Asturias, encabezada por Begoña Collazo, e representantes do Goberno do Estado. Tamén estarán presentes membros do Grupo Histagra da USC, do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro e da empresa Tempos Arqueólogos, responsables da intervención na fosa.
Despois da recepción, procederase ao descubrimento do memorial e do monumento no cemiterio de San Breixo. Durante o acto, o Comité e as familias solicitarán publicamente que o cemiterio sexa declarado Lugar de Memoria, segundo o establecido na Lei estatal de Memoria Democrática.
Con esta iniciativa, Celanova dá un paso máis na recuperación da memoria histórica e na dignificación das vítimas do franquismo, reafirmando o seu compromiso co recoñecemento e a reparación das inxustizas do pasado.