Celanova retoma o seu programa de visitas gratuítas para nenos durante o mes de agosto

A Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova activan de novo este mes de agosto un programa de visitas culturais pensado para familias, con propostas adaptadas ao público infantil que non requiren inscrición previa.
As actividades comezan este mesmo xoves, 7 de agosto, co acceso gratuíto para menores á Torre das Campás do Mosteiro de San Salvador. Esta visita repetirase todos os xoves do mes en catro quendas: ás 11:15, 12:00, 12:45 e 13:30 horas, con saída dende a Praza Maior, na entrada do claustro. As persoas adultas deberán aboar 2 euros.
Tamén de martes a sábado, a entrada á Casa dos Poetas será gratuíta para toda a familia, e os máis pequenos recibirán un agasallo durante a visita.
En Vilanova dos Infantes, o acceso á Torre da Homenaxe e ás visitas guiadas á Cova de San Vivián tamén será gratuíto para os menores. Esta actividade ofrécese os sábados, domingos e festivos ás 10:30 e ás 19:00 horas, comezando na Torre. Os adultos pagarán 5 euros e inclúe un percorrido polas rúas do burgo medieval, a visita ao pequeno museo dos zapateiros e á cova.
A idade máxima para gozar destas actividades de balde será de 15 anos.