Cinco deportistas do Marbel competirán no Open Nacional de Jiu Jitsu

OurenseXa
Leire Carrera, Juan Seoane, Benjamín Junior Iglesias, Yago Nguyen Rodríguez e Rubén Córdoba representarán ao club ourensán na competición
equipo-marbel
15 Nov 2025

Este domingo 16 de novembro, o Pavillón Francisco Varcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid) acollerá o Open Nacional de Jiu Jitsu para categorías Kyu (cinturóns de cores) e Cinturóns Negros, que contará coa participación de cinco representantes do Judo e Jiu Jitsu Club Gimnasio Marbel.

O equipo estará formado por Leire Carrera (-57 kg), Juan Seoane (-85 kg), Benjamín Junior Iglesias (-77 kg), Yago Nguyen Rodríguez (-85 kg) e Rubén Córdoba (-94 kg). Agás Yago, que competirá unicamente en Loita, o resto tomará parte tanto nesta modalidade como en Ne Waza, centrada no combate no chan.

Os deportistas contarán coa presenza no tatami do Mestre Felipe Iglesias, seleccionador galego, que enlaza unha fin de semana intensa entre unha competición infantil en Castelló o sábado e esta cita sénior en Madrid o domingo.

O torneo dará comezo ás 10:00 horas. Na edición anterior, o club Marbel regresou cunha medalla de ouro e outra de bronce. Segundo o seu adestrador, o obxectivo principal é “avaliar o noso nivel a escala estatal e afrontar con garantías unha tempada esixente”. O equipo aspira a loitar polos podios en todas as categorías nas que participa.

⚙ Configurar cookies
0.075372934341431