Colapsa unha ponte na OU-536 á altura Xunqueira de Espadanedo

A Xunta asegura que "a situación estaba sendo controlada"
A Xunta vén efectuando nos últimos meses traballos de monitorización na ponte de Xunqueira de Espadanedo, construída no século XIX, para avaliar, en todo momento, o seu comportamento e garantir a seguridade da circulación.
Tras os problemas detectados nos últimos meses, no mes de xaneiro acometeuse un corte parcial da ponte e intensificáronse as probas para coñecer o alcance dos danos e definir a solución definitiva.
O control de monitorización que estaban a realizar os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas implicou o control en 3D da ponte, con puntos “diana” para detectar movementos de modo inmediato.
A situación estaba sendo controlada e por iso, unha vez que se produciu un movemento no estribo danado, adoptouse a decisión de pechar totalmente ao tráfico a ponte para evitar riscos, xa o pasado venres, e comezar cos traballos destinados á construción dun novo estribo.
Ese control foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico desde o pasado venres, sen risco para a circulación.
A Xunta está xa a traballar, polo procedemento de emerxencia, para a reconstrución do estribo e a estabilización da ponte, unhas obras que teñen un prazo estimado de 3 meses, supeditado ás condicións meteorolóxicas, tal e como se trasladou xa o pasado xoves.
O obxectivo deses traballos é, polo tanto, reconstruír a parte danada e asegurar a estabilidade do que está en bo estado co fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses.