Colapsa unha ponte na OU-536 á altura Xunqueira de Espadanedo

O tramo permanecía pechado por obras de reparación dende o pasado xoves
ponte_xunqueira_espadanedo
Colapsa a ponte da OU-536 á altura Xunqueira de Espadanedo
26 feb 2024
A ponte da OU-536, en Xunqueria de Espadanedo, colapsou esta mañá logo de que a Xunta de Galicia anunciase o peche dese tramo por obras o pasado xoves 22 de febreiro.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense denuncian que levan "semanas alertando da situación da ponte da OU-536 ,en Xunqueira de Espadanedo", e sinalan directamente ás "chapuzas do PP e de Ethel Vázquez nas infraestruturas da provincia" que, aseguran "son un perigo para a nosa veciñanza".
A ponte, erixida en 1890, presentaba xa un grave deterioro causado pola inestabilidade do terreno e a vibración dos coches e permanecía pechada polo inminente risco de derrumbamento. Finalmente, colapsou esta mañá mentres se estaban a realizar obras na zona. Os técnicos da Xunta de Galicia investigan se será posible reconstruílo.
O tráfico está desviado polas estradas OU-0106 e OU-0153.

A Xunta asegura que "a situación estaba sendo controlada"

A Xunta vén efectuando nos últimos meses traballos de monitorización na ponte de Xunqueira de Espadanedo, construída no século XIX, para avaliar, en todo momento, o seu comportamento e garantir a seguridade da circulación.

Tras os problemas detectados nos últimos meses, no mes de xaneiro acometeuse un corte parcial da ponte e intensificáronse as probas para coñecer o alcance dos danos e definir a solución definitiva.

O control de monitorización que estaban a realizar os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas implicou o control en 3D da ponte, con puntos “diana” para detectar movementos de modo inmediato.

A situación estaba sendo controlada e por iso, unha vez que se produciu un movemento no estribo danado, adoptouse a decisión de pechar totalmente ao tráfico a ponte para evitar riscos, xa o pasado venres, e comezar cos traballos destinados á construción dun novo estribo.

Ese control foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico desde o pasado venres, sen risco para a circulación.

A Xunta está xa a traballar, polo procedemento de emerxencia, para a reconstrución do estribo e a estabilización da ponte, unhas obras que teñen un prazo estimado de 3 meses, supeditado ás condicións meteorolóxicas, tal e como se trasladou xa o pasado xoves.

O obxectivo deses traballos é, polo tanto, reconstruír a parte danada e asegurar a estabilidade do que está en bo estado co fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses.