Comeza unha nova campaña arqueolóxica no Castro de Trelle

OurenseXa
Os traballos permitirán documentar novos elementos do xacemento, sito entre os concellos de Toén, Barbadás e Cartelle, e completar a información obtida na campaña anterior
castro-de-trelle
9 Dec 2025

O Castro de Trelle, no concello de Toén, iniciou unha nova campaña arqueolóxica destinada a profundar no coñecemento científico deste asentamento e a planificar futuras intervencións de consolidación e posta en valor. A actuación, financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con máis de 16.000 euros, enmárcase no Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025.

Nesta segunda campaña está previsto abrir unha área de escavación duns 80 metros cadrados, continuando as sondaxes realizadas en 2024, 45 m² no termo de Toén e 35 m² no de Barbadás. Os traballos permitirán documentar novos elementos do xacemento e completar a información obtida na campaña anterior. Unha vez finalizada a escavación, o espazo será tapado de maneira provisional con materiais diferenciados e terra da propia entulleira, á espera de definir un futuro proxecto de consolidación e restauración segundo o estado dos restos.

O obxectivo principal é seguir avanzando na caracterización do castro e obter máis datos que axuden a orientar intervencións posteriores tanto de investigación como de valorización. Desde a Consellería destacan que estas campañas permiten unha planificación máis eficaz e axeitada das actuacións futuras.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este martes o lugar acompañado polos alcaldes de Toén, Ricardo González, e de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, nunha visita orientada a supervisar o arranque dos traballos.

Pardo salientou que ao longo do ano están previstas 81 actuacións arqueolóxicas en Galicia, “15 delas na provincia de Ourense por valor de 260.000 euros”. Subliñou ademais que nesta nova fase faranse visibles parte dos resultados dos “imprescindibles e valiosos traballos de recuperación e restauración” impulsados o pasado ano.

Ademais, puxo o foco na importancia da divulgación, lembrando que a protección do patrimonio arqueolóxico require non só escavar e conservar, senón tamén explicar. “A nosa historia pasada, actual e futura é froito deste legado que temos obriga de conservar e que aínda nos ten moito que contar”, afirmou. Neste sentido destacou que en 2025 a Consellería incrementou “de xeito considerable” o orzamento destinado a arqueoloxía, xa que “cada vez son máis o número de lugares históricos e de actuacións que precisan de acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación”.

⚙ Configurar cookies
0.090850114822388