Comezan as obras de ampliación do Polideportivo Municipal de Barbadás, cun investimento de 1,2 millóns

OurenseXa
A intervención executarase en dúas partes e prevé estar rematada a mediados do mes de novembro
obras-polideportivo-barbadas
19 Feb 2026

O Concello de Barbadás vén de dar o primeiro paso para ampliar o Polideportivo Municipal, unha actuación estratéxica coa que o goberno local busca reforzar os servizos deportivos ante a elevada demanda existente. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e o tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, asinaron a acta de replantexo que marca o inicio dos traballos, previstos para comezar a próxima semana.

A intervención executarase en dúas etapas. Nesta primeira fase, que conta cun orzamento de 150.000 euros, instalarase un ascensor que permitirá comunicar polo interior as dúas plantas do edificio, eliminando a actual dependencia da escaleira exterior. “Esta primeira fase das obras inclúe a construción dun ascensor que conectará a primeira planta coa segunda, onde se colocará unha cuberta e se ubicará o novo ximnasio, a sala de clases dirixidas e os vestiarios”, explicou Valcárcel.

Posteriormente, o proxecto abordará a transformación integral da planta superior, que actualmente se atopa ao descuberto. Alí habilitaranse novos vestiarios e executarase o peche do futuro ximnasio, que contará ademais cun espazo específico para actividades dirixidas. O obxectivo é optimizar o uso das instalacións e ampliar a oferta deportiva. En palabras do rexedor, “esta ampliación permitirá incrementar o número de socios e mellorar o servizo notablemente, xa que haberá maior frecuencia de actividades ao contar cun espazo propio e a pista central do Polideportivo quedará liberada para eventos deportivos”.

As instalacións municipais superan xa o milleiro de persoas inscritas, unha cifra que evidencia a necesidade de ampliar o complexo. O proxecto completo acada un investimento de 1,2 millóns de euros e o Concello prevé que estea rematado a mediados do mes de novembro.

⚙ Configurar cookies
0.05662989616394