Comezan as obras de instalación da nova iluminación ornamental exterior do IES Otero Pedrayo

A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras de instalación da nova iluminación ornamental exterior do IES Otero Pedrayo da cidade de Ourense, ás que a Conselleria de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), vai destinar máis de 410.000 euros.
A actuación resaltará os elementos singulares deste edificio histórico e logrará acadar unha iluminación de deseño, baseada na eficiencia enerxética e lumínica. Ademais tamén se renovará a iluminación do patio de deportes e dos dous patios interiores do edificio, mediante a instalación de luminarias led en superficie e proxectores encaixados no chan. Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante unha visita a este centro educativo.
A intervención, detallou o delegado, consistirá na instalación de 132 luminarias con tecnoloxía led -cunha vida útil equivalente a máis de 15 anos de funcionamento- que, combinado co equipo de telexestión e control, permitirá regular o nivel de iluminación e garantir a optimización dos equipos. O resultado será un consumo enerxético racional e moderado que contribuirá notablemente á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Ademais, a fachada do Padre Feijóo iluminarase con proxectores encaixados na zona axardinada e sobre soportes nas pilastras do peche, mentres que, na rúa García Mosquera, colocaranse luminarias de superficie na cornixa superior, e na fachada da rúa Lugo iluminarase con proxectores sobre soportes coincidentes coas pilastras do peche. Todas as luminarias son monocromáticas regulables en intensidade mediante aplicacións intelixentes para poder conseguir distintas escenografías.
Ao tratarse dun edificio construído no ano 1950, explicou Pardo,a iluminación exposta para as fachadas pasa inadvertida respectando a protección integral do ben patrimonial.
O IES Otero Pedrayo foi o primeiro centro de ensino laico da cidade de Ourense. O colexio abriu as súas portas no ano 1896 cun proxecto de Antonio Crespo López, pero tivo que ser reconstruído tras un incendio en 1927. A fachada é ecléctica e clasicista e o seu interior está organizado en base a dous grandes patios rectangulares. Destaca nel a escaleira central, de tipo imperial e con balaustrada en pedra, e a súa paraninfo, un salón de fastuosa ornamentación e belo exemplo do Modernismo ourensán. Polas súas aulas pasaron gran parte de figuras da cultura galega, entre eles o que dá nome ao centro, o escritor Otero Pedrayo.