Comezan as obras de mellora da rede de saneamento en Palmés

O Concello de Ourense puxo en marcha as obras de ampliación e modernización da rede de saneamento no barrio de Palmés, no tramo que conecta o campo de fútbol co núcleo do Burgo. O proxecto, cun investimento de 640.862 euros, ten un prazo de execución previsto de oito meses e inclúe a instalación de 1.460 metros de nova tubaxe distribuída en catro ramais distintos.
Esta intervención forma parte dun plan máis amplo de melloras no servizo de abastecemento e saneamento en distintas zonas do municipio, que Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia, S.A.U. levará a cabo este ano. En total, a empresa executará nove actuacións co obxectivo de modernizar a rede, cun investimento de 1.965.559,90 euros.
A empresa encargada da execución das obras será Viaqua, mentres que a dirección técnica e a coordinación de seguridade correrán a cargo de Rey Campos Ingenieros, S.L. Segundo indicou o Concello, as actuacións comezaron este mes e prevese que estean rematadas dentro de oito meses, garantindo unha rede de saneamento máis eficiente e segura para os veciños e veciñas da zona.