Comezan as obras de reforma na rúa Emilia Pardo Bazán

OurenseXa
Os traballos consistirán fundamentalmente na reparación do firme da calzada e beirarrúas, que poden ser complementadas con pequenas melloras na drenaxe, na sinalización e no balizamento
obras-emilia-pardo-bazan
13 Nov 2025

As obras de reforma da rúa Emilia Pardo Bazán, que forman parte do proxecto da Xunta para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta vai investir máis de 2,8 millóns de euros, xa están en marcha. Así o anunciou este xoves o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, que visitou esta mañá os traballos, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas.

As actuacións proxectadas contemplan obras de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos integrantes do dominio público autonómico, tanto das beirarrúas como das calzadas, complementadas coa renovación completa da sinalización horizontal e outras pequenas melloras complementarias, de forma que se reforce a seguridade viaria e a accesibilidade.

Pardo lembru que dentro deste plan de mellora de infraestruturas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada e Avenida de Zamora.

O delegado insistiu na importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal, e asegurou que que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar dita rede ao fin de garantir unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.

O Goberno Galego, salientou Pardo, destinou este ano 68 millóns de euros á conservación das estradas da rede viaria autonómica, ás que dixo, hai que sumar outras actuacións de conservación levadas a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos anos, como as executadas en treitos da rúa Progreso e Avenida de Zamora neste 2024 ou na rúa da Granxa en 2023.

Ademais, destacou os traballos levados a cabo en Marcelo Macías (OU-540), en Otero Pedrayo (OU-536) e en Seixalbo (OU-105), nas que se mellorou a accesibilidade e a seguridade. Tamén subliñar os 5,4 quilómetros de sendas materializados en ámbitos como Ponte Sevilla (OU-105), Avenida de Ponferrada, Rabaza (OU-536), Montealegre (OU-101) e Valdorregueiro (OU-150).

⚙ Configurar cookies
0.075114011764526