Comezan os traballos de restauración da icónica locomotora da Ponte

OurenseXa
Fabricada en 1927, foi cedida por Renfe ao Concello de Ourense e, desde 1976, atópase instalada na rúa Xesús Pousa Rodríguez, fronte á estación de ferrocarril
obras-locomotora-a-ponte
9 Oct 2025

O Concello de Ourense puxo en marcha a restauración da locomotora a vapor do barrio de A Ponte, unha actuación que busca devolver a este emblemático símbolo ferroviario o seu aspecto orixinal e frear o deterioro causado por case medio século de exposición ao aire libre.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, presentou esta mañá o inicio dos traballos, que contan cun orzamento de licitación de 192.566,41 euros e un prazo de execución de catro meses. “Hoxe é un día sinalado para a cidade de Ourense, porque iniciamos a primeira actuación de calado que se vai facer nesta máquina de tren desde que se instalara aquí hai 49 anos”, destacou o rexedor.

No acto participaron tamén o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo; as concelleiras de Transporte Público, Ana Fernández, e de Asuntos Sociais, Tamara Silva; así como representantes das entidades implicadas no proxecto, entre eles o presidente da Asociación Europea de Ferroviarios, Carlos Abellán Ruiz, e Miguel Ángel Sinde, da empresa Reparaciones Sinde SL, encargada de executar os traballos. Arturo Antón, de Tipoloxías Estruturais en Madeira, Hormigón e Aceiro SL, será o responsable da asistencia técnica.

A locomotora 240-2072, de tipo mastodonte, foi fabricada en 1927 e cedida ao Concello polo Consello de Administración de RENFE para a súa exposición no barrio de A Ponte como homenaxe ao persoal ferroviario. Desde 1976, atópase instalada na rúa Xesús Pousa Rodríguez, fronte á estación de ferrocarril.

O proxecto impulsado polo Concello contempla diversas actuacións de restauración estrutural e estética que permitirán conservar a peza e manter viva a súa memoria como parte do patrimonio industrial e ferroviario de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.074131965637207