Convocada unha nova edición do concurso de fotografía da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense

OurenseXa
A data límite para recibir as imaxes será o 20 de marzo
concurso-aerovisionjpg
1 Mar 2025

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebra este ano a terceira edición do seu concurso de fotografía AeroVision, dirixido a todas as persoas interesadas en capturar imaxes relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou espacial. O certame ten como finalidade promover a visibilidade da ciencia e a tecnoloxía espacial na sociedade.

As fotografías presentadas, segundo as bases do concurso, deben ser orixinais e representar escenas, paisaxes ou momentos vinculados á aeronáutica ou ao espazo. A participación permite enviar imaxes en branco e negro ou a cor, realizadas mediante calquera técnica fotográfica, e cada persoa poderá presentar unha única fotografía. As obras deben ser inéditas, non tendo sido presentadas previamente noutros concursos ou medios, tanto dixitais como impresos.

As fotografías deben enviarse por correo electrónico á dirección aerovision@uvigo.es ou ben a través dun servizo de transferencia de arquivos á mesma dirección. O formato das imaxes deberá ser jpeg, cun tamaño máximo de 5MB e unha resolución mínima de 200 ppp. No correo electrónico debe incluírse unha breve descrición de cinco liñas da fotografía, acorde coa temática do certame. Unha vez enviadas, as fotos pasarán a ser propiedade exclusiva da escola organizadora, que poderá utilizalas sen que o autor poida usalas noutros concursos ou publicacións. A data límite para recibir as imaxes é o 20 de marzo.

Os gañadores serán elixidos por un xurado composto por un experto do sector aeronáutico e/ou espacial, un profesional da fotografía e un membro do equipo directivo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Haberá tres premios: un primeiro premio (un dron), un segundo premio (un telescopio) e un terceiro premio (uns prismáticos). O 12 de abril, con motivo do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica, anunciaranse os gañadores e realizarase unha exposición temporal no campus de Ourense para mostrar as fotografías premiadas.

⚙ Configurar cookies
0.11743307113647