Convocado o concurso de intervención artística Campus Auga 2024

OurenseXa
Pode participar neste certame calquera persoa maior de idade, de xeito individual ou en grupo
Campus_Ourense_UVigo
Campus de Ourense
6 Xul 2024

Coincidindo coa celebración este ano do 50 aniversario do campus de Ourense, a Universidade de Vigo convoca o concurso de intervención artística Campus Auga 2024. A obra gañadora, informan desde a UVigo, ubicarase nunha das paredes laterais exteriores do edificio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.

Pode participar neste certame calquera persoa maior de idade, de xeito individual ou en grupo. Cada participante presentará unha única obra orixinal que non fose galardoada en ningún outro concurso. A intervención artística a realizar ubicarase sobre unha parede lateral do edificio do Campus Auga, cunhas medidas aproximadas de 9,80 por 15,5 metros (lonxitude x altura). A técnica utilizada será libre, valorándose por parte do xurado os seguintes aspectos: a conexión coa contorna na que se plasmará o traballo, a interacción co edificio do que formará parte e a utilización de materiais que contribúan á sostibilidade ambiental. Aceptarase calquera tipo de técnica ou manifestación artística (graffiti, pintura mural, intervención escultórica, etc.).

O prazo de presentación dos traballos abrangue dende o 4 de xullo ata o 30 de setembro de 2024 ás 23.59 horas (hora peninsular española). Un xurado avaliará os traballos presentados e concederase un único premio de 5000 euros para a persoa ou persoas gañadoras. A Vicerreitoría do Campus de Ourense facilitará os materiais e as estruturas necesarias para levar a cabo o traballo, segundo o que figura na memoria presentada pola persoa gañadora. O prazo de realización efectiva do traballo, requisito indispensable para recibir o premio, rematará o 30 de novembro deste ano.

Atendendo á Lei da Propiedade Intelectual, o proxecto creado produto desta convocatoria será propiedade da persoa ou persoas que acaden o premio e quedará garantido o cumprimento da lexislación vixente referente aos dereitos de autor. Porén, o feito de aceptar o premio implica a realización do proxecto no prazo previsto e a autorización á Universidade de Vigo para a reprodución e difusión dos proxectos seleccionados, así como das obras ou produtos que se xeren no desenvolvemento.

0.19293594360352