Un burato de grandes dimesións obriga a pechar ao tráfico a rúa Pena Trevinca

OurenseXa
Un afundimento na calzada invade os tres carrís á altura do cruce das rúas Serra de Queixa e Monte Seixo
fochanca-pena-trevinca
27 Jan 2026

O Concello de Ourense pecha ao tráfico a rúa Pena Trevinca tras detectarse un oco de grandes dimensións baixo o pavimento e que supón un risco para a seguridade viaria.

A incidencia foi localizada na tarde do luns, 26 de xaneiro, cando sobre as 17.00 horas se apreciou un afundimento na calzada. De maneira inmediata, explican dende o goberno municipal, o departamento de infraestruturas iniciou os traballos de sinalización e balizamento da zona afectada para evitar posibles accidentes. Na mañá deste martes, 27 de xaneiro, realizouse unha cata de control co obxectivo de comprobar o estado da base do pavimento. Esta actuación levouse a cabo unha vez rematada a entrada aos centros escolares, co fin de minimizar as molestias ao tráfico da zona.

Durante a inspección técnica, comprobouse que baixo a lousa de formigón que servía como base do antigo adoquinado existe un baleiro de grandes dimensións. Segundo a información técnica dispoñible, non consta a presenza de redes de servizos como auga, saneamento ou gas nese punto, polo que se están a analizar as posibles causas do desprazamento de terras.

Por motivos de seguridade, a rúa permanecerá pechada ao tráfico mentres se executan os traballos necesarios para reparar a deficiencia detectada e garantir a estabilidade do firme. O Concello solicita aos condutores que empreguen itinerarios alternativos mentres dure a intervención.

⚙ Configurar cookies
0.089205026626587