Cortes en Ourense este sábado con motivo da volta ciclista O Gran Camiño
A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo especial de mobilidade e accesibilidade deseñado para o paso pola cidade, este sábado, 24 de febreiro, da terceira etapa da carreira ciclista O Gran Camiño. O percorrido do pelotón por Ourense, na etapa que vai desde Xinzo de Limia até Ribadavia, requirirá pechar ao tráfico as vías polas que discorrerán os ciclistas, coa finalidade de garantir a seguridade viaria no desenvolvemento da proba.
O dispositivo especial comenzará aproximadamente sobre as 14:30 h, cando se pechará ao tráfico o treito polo que a carreira circula por Ourense. O pelotón chegará á cidade procedente de Xinzo a través da Nacional 525, continuará pola Nacional 120 en sentido Vigo, estrada de Castro de Beiro, OU-526, estrada de Vilar de Astrés, rúa Río Limia, Avenida de Santiago, rúa Basilio Álvarez, Ponte do Milenio, Glorieta Nexus, xiro cara á N-120, paso por debaixo da Ponte do Milenio, rotonda de acceso á autovía A-52, rúa Castro Canseco, rúa Bispo Lourenzo, para saír da cidade pola OU-402 en dirección a Ribadavia. O corte de tráfico manterase até que remate o paso dos ciclistas, en torno ás 16.30h.