Cristina Cid reafirma o seu compromiso co liderado feminino e a igualdade de xénero
A a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, participou este martes no II Encontro de Alcaldesas celebrado na Coruña, onde asinou a segunda Declaración de María Pita, reafirmando o seu compromiso co liderado feminino e coa igualdade de xénero.
O foro reuniu a 32 rexedores de Galicia e España baixo o lema "Tomando decisións para cambiar o mundo". Liderado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o encontro buscou poñer en valor o papel das mulleres no liderado político e institucional, así como fortalecer o compromiso coa igualdade nas políticas municipais.
Na cerimonia institucional celebrada no Palacio de María Pita, dez alcaldesas de cidades de máis de 100.000 habitantes asinaron a II Declaración de María Pita. Entre as mandatarias que subscribiron o documento figuran Inés Rey (A Coruña), Carolina Darias (Las Palmas de Gran Canaria), Goretti Sanmartín (Santiago de Compostela) e outras representantes de localidades como Palencia, Barakaldo, Alcorcón e Reus. O manifesto establece un compromiso firme para avanzar na loita pola igualdade dende as institucións municipais e reforzar a perspectiva de xénero en áreas como o deseño urbano, a economía e a gobernanza local.
Ademais, un total de 23 alcaldesas galegas adheríronse ao documento, sumándose así ao esforzo conxunto para transformar as súas cidades en espazos máis inclusivos e seguros para as mulleres. "As mulleres que hoxe estamos aquí representamos case dous millóns de persoas, e reiteramos o noso compromiso co feminismo e coa igualdade como eixos centrais das nosas accións de goberno", destacou Inés Rey durante o acto.