Críticas ao Concello de Ourense polo novo prego do transporte urbano

OurenseXa
Socialistas e nacionalistas advirten de que o prego foi redactado de xeito “unilateral” e sen consenso
Autobuses-urbanos-ourense
14 Out 2024

Logo de coñecerse os pregos para a licitación do servizo de autobuses, dende o grupo municipal socialista critican que non responda ás expectativas e necesidades dos e das ourensás e que só se trate dun “baypass” que foi redactado de xeito “unilateral, sen participación veciñal e política”.

Neste senso, a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, sinala que a proposta realizada supón unha práctica continuidade do anterior servizo “coas mesmas carencias e os mesmos retos por abordar” e constitúe “unha oportunidade máis perdida para a mellora real” dun medio de transporte que empregan, segundo os últimos datos, 5 millóns de viaxeiros anuais na cidade.

A improvisación e o caos son a tónica dominante para as e os socialistas nunha licitación que leva agardando máis de 10 anos e para a que se tivo tempo dabondo de elaborar unha mellor planificación. “Despois de que Jácome comezara a casa polo tellado coa adquisición dos novos 40 autobuses por 14 millóns de euros, a día de hoxe segue sen funcionar ao 100% a nova flota de vehículos, moitos deles con avarías, outros como os trens das termas desaparecidos, sen estacións de recarga por falta de previsión para os novos vehículos eléctricos e pagando do erario público naves de almacenamento externas por ser incapaces de poñelos en circulación nin saber xestionar previamente unhas novas instalacións de carácter municipal”, resume a portavoz e secretaria xeral do PSOE en Ourense.

Ademais, advirte de que a flota de vehículos no novo servizo será menor, pasando de 46 a 40 autobuses, máis 4 buses diésel herdados do anterior contrato e cos 2 trens turísticos para a ruta das termas que non poderán concesionar coma servizo turístico, ao considerarse unha liña de transporte máis, e á espera de novos vehículos despois de meses sen funcionamento. “Mantense o actual mapa de liñas, coa incorporación da nova 6 que fulminou a 6A e 6B para converterse nun bus turístico de longa duración que para en Os Remedios, á agarda de que nos vindeiros 5 anos se poida recortar 9 liñas das 27 actuais”, afirma sobre os pregos aos que terá que atender a empresa concesionaria.

No que respecta ao prezo que os viaxeiros deberán aboar tampouco haberá variacións. As tarifas seguirán igual para o billete ordinario e tarxetas de viaxe. “Seguimos á espera da proposta de implantación da gratuidade total do servizo de transporte urbano en Ourense que xa estaría, segundo o que repetiu en varias ocasións o alcalde, en xaneiro deste ano”, critica a socialista á vez que recorda que é o goberno de España o que “segue a cofinaciar unha parte importante do billete ordinario, rebaixado grazas á aposta pola mobilidade sostible do executivo liderado por Pedro Sánchez”.

Engade, por outra banda, que continúase precisando novas instalacións para gardar a flota de vehículos e situar estacións de recarga eléctrica e que no que atinxe ás frecuencias “só se reducen os tempos en 5 liñas e a priori o resto seguirá contando cos mesmos tempos de espera”.

Os socialistas advierten tamén de que non se sabe se existen novidades no que respecta ao transporte metropolitano, máis aló do que se contempla nos pregos. “Aparecen os dous intercambiadores na Alameda e na avenida Otero Pedrayo que históricamente xa funcionan como tal e que seguirán a ser nodos de conexión e enlace coas liñas externas que chegan á cidade”, remata lamentando.

O BNG defende que a nova licitación é “un traxe de 50 millóns feito a medida”

Na rolda de prensa desta maña do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, o seu Portavoz Luís Seara comezaba lembrando a rolda do pasado 20 de decembro de 2023 para sinalar que, “vai facer un ano comparecimos diante de todas e todos vós para falar da situación do transporte municipal. Faciámolo logo de preguntar en reiteradas ocasións ao Concelleiro delegado polos puntos de recarga para os autobuses eléctricos que levaban meses parados nunha nave”.

“Eu preguntei na Xunta de Área se eses puntos de recarga ían instalarse na nave propiedade da empresa que está a prestar o servizo en precario ao que o Concelleiro constetou afirmativamente. Dixemos daquela que nos parecía insólito que o Concello pagara con cartos públicos, preto de 50 mil euros, uns puntos de recarga nunha nave propiedade dunha empresa privada que, aínda que presta un servizo en precario, non ten ningunha relación contractual co Concello”.

Seara engade que, “tamén afirmamos que este feito podería condicionar o futuro concurso para a xestión do transporte público municipal e concluímos dicindo que remata 2023, nada se sabe do contrato, pero da a sensación de que está feito a medida”. Con estes antecedentes, o Portavoz nacionalista afirma que “non somos adiviños, máis o que era unha sospeita, logo de analizar polo miúdo a memoria e os pregos técnicos e administrativos, converteuse en certeza. Podemos dicir que se materializou o traxe a medida do que falábamos. Un traxe de 50 millóns de euros”.

“Estamos, ao noso xuízo, diante dunha licitación que nace viciada porque conculca un dos principios máis elementais de calquera contratación pública, o principio de igualdade, que consagra que a administración non pode cometer arbitrariedades e dar trato de favor a ningún licitador”.

Diante desta afirmación tan rotunda, desde o BNG desgranaron algúns dos elementos presentes nos pregos e que máis suspicacias suscitan como por exemplo que no prazo de 45 días, a empresa que opte ao contrato teña que presentar un plan de explotación do servizo. Nese plan, entre outras cuestións, “ten que constar unha nave que, ademais de ser apta para a actividade, cumpra cunha serie de requisitos, é dicir, que reúna as características que se definen no prego como pode ser, capacidade suficiente para albergar 40 autobuses, maniobrabilidade dos mesmos, taller, lavado, tratamento de residuos e a maiores achegar un proxecto de electrificación”.

No BNG entenden que abonda con ir ao prego de prescripcións técnicas e comprobar como dentro del está inxerido un informe técnico para electrificación, de 129 páxinas, o único informe que consta na documentación, feito por unha empresa especializada para o Grupo Avanza, “unha empresa que foi concesionaria do Concello e que a día de hoxe xestiona o servizo en precario. Mírese por onde se mire, como mínimo é sorprendente”.

Seara ten claro que “podemos afirmar que hai un evidente trato de privilexio á actual empresa que xestiona o servizo porque ésta xa ten unha nave da súa propiedade e ademais xa ten un proxecto de electrificación bendecido polo Concello e que fai parte dos pregos técnicos. O resto das empresas terán que buscar un espazo e deseñar un proxecto de electrificación que poida competir co de Urbanos de Ourense”.

“E iso materialízase dun xeito concreto na parte subxectiva da valoración, ou de xuízo de valor, como así se define nos pregos de cláusulas administrativas do concurso. O feito de ter unha nave, na que se poda facer mantemento, limpeza e tratamento de residuos, xunto co proxecto de electrificación, puntua 24 puntos sobre 100 no concurso, soamente o proxecto de electrificación supón ate 16 puntos, o que coloca nunha posición de clara vantaxe a actual empresa prestadora do servizo en precario fronte ás demáis licitadoras”.

O Portavoz da formación nacionalista vai máis alá xa que segundo sinala, “o propio prego de claúsulas administrativas establece, e leo literal, puntuación mínima nos criterios suxeitos a xuízo de valor. Co obxecto de garantir unha calidade mínima das ofertas técnicas, establécese a esixencia, para a admisión das ofertas, dunha puntuación mínima do 60% do total acadable nos criterios suxeitos a xuízo de valor. En consecuencia, aquelas ofertas que non acaden, no apartado de criterios suxeitos a xuízo de valor, unha puntuación mínima de 24 puntos, serán excluídas do procedemento”.

A conclusión, a ollos do BNG “é que parece difícil que diante de algo tan burdo, tan evidente, as empresas do sector interesadas no contrato fiquen quedas, co cal hai un risco evidente de que se presenten recursos e este proceso de licitación quede en nada e voltemos á casiña de saída, sen contrato e pagando un servizo en precario a prezo dun contrato novo, que ao mellor é o que busca o Alcalde. Se isto último acaba acontecendo, a quen lle vai botar a culpa?”.

Seara concluíu dicindo que desde hai días teñen pedido acceso, vista e copia do expediente completo do co gallo de poder “ver todos os informes que obran nel e ter máis elementos de xuízo”.

0.19929599761963