Críticas ao Concello de Ourense por non contar cun programa durante a semana da mobilidade
Dende o grupo municipal socialista lamentan que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome non elaborase un programa, como si fixeron outros gobernos de urbes galegas, para celebrar a semana da mobilidade no Concello de Ourense. “O rexedor pensa que estender a gratuidade do bus de 1 día a unha semana, do 16 ao 22 de setembro, coma este ano xa é suficiente para concienciar á veciñanza da necesidade de fomentar as alternativas de mobilidade sostible na nosa cidade”, denuncia a portavoz do PSdeG, Natalia González.
Trátase dunha iniciativa a nivel europeo que naceu para animar á cidadanía a apostar por modos de transporte más ecolóxicos, seguros e accesibles para reducir o uso do vehículo privado. Todo elo co obxectivo de baixar tamén as emisións de carbono. Neste senso, lamentan as e os edís socialistas que dende a institución máis próxima aos e ás ourensás non se empreguen todas as ferramentas posibles para fomentar os desprazamentos sustentables.
“O PMUS, aprobado en 2019, segue metido nun caixón e as únicas medidas que patrocina este desgoberno en materia de mobilidade son aparcar onde lles peta e saltarse todas as normas de circulación con total impunidade e abuso de poder”, critica contundente a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.
Así mesmo, inciden en que fomentar o uso do transporte público en todas as súas vertentes ten beneficios non só para o medio ambiente, senón tamén para a saúde das persoas cando se promoven os desprazamentos a pé ou en bicicleta.
A voceira critica o caos no servizo de transporte urbano do Concello de Ourense nos últimos tempos ao que non se puxo remedio e recorda que o único que fixo o executivo de Democracia Orensana foi mercar “vehículos novos”, algúns dos cales aínda continúan sen empregarse “porque non hai onde cargalos”. “As liñas, horarios e frecuencias son un auténtico descontrol e de pouco vale incentivar o seu uso a través da gratuidade se a calidade do servizo é deficiente. Urxe licitar o novo contrato e deixar de construír a casa polo tellado”, puntualiza.
Non basta, explican insistindo as e os socialistas, con ofertar a gratuidade do autobús durante unha semana ao ano. É preciso, dende as administracións públicas locais, se promovan cambios de hábitos que se manteñan no tempo traballando para acadar infraestruturas e cidades orientadas ás persoas.