David Polo, presidente do Club Pereiro Baloncesto: “Intentaremos revalidar o título de campións”

OurenseXa
Con menos dun ano de traxectoria, o Club Pereiro Baloncesto logrou alzarse este 2025 co título de Campión da Liga Galega de Veteráns
club-pereiro-balncesto
12 Oct 2025

Nado a finais do verán de 2024, o Club Pereiro Baloncesto conseguiu consolidarse na súa curta traxectoria como un dos clubes de baloncesto de veteranos referentes en Galicia. En menos dun ano, o conxunto logrou alzarse coa copa de Campións da Liga Galega de veteráns. Falamos co seu presidente, David Polo, que nos conta como foron os inicios dun club que naceu dun grupo de amigos que querían dar exemplo aos seus fillos a través do deporte.

Como xurdiu a idea de crear o club?

Máis ou menos foi despois do verán de 2024. Somos xente de baloncesto de toda a vida, xuntámonos todas as semanas e, durante esas horas despois dos adestramentos, saíu a conversa. Máis ou menos despois do verán do ano pasado decidimos iniciar o proxecto. E nese mesmo ano practicamente gañastes o título de campións galegos da liga de veteráns.

E en menos dun ano gañastes a Liga Galega de Veteráns

Si, foi a primeira vez que se fixo e ao final gañamos. Antes empezara a de mulleres e a de veteranas, pero a masculina non saíra. Saiu o ano pasado e foi un dos motivos polos que creamos o club e nos apuntamos. Coa sorte e o esforzo, logramos quedar campións.

Foi difícil?

Pois o certo é que é verdade que había clubes con maior traxectoria ca nós (evidentemente todos) porque ningún era de nova creación. A liga estaba dividida en dous grupos e logo os dous primeiros enfrontábanse nun grupo final de seis equipos de renome en Galicia, como o Estudiante de Lugo, por exemplo. Pero nos equipos veteranos non intervén tanto a preparación física. Aquí, ao final, a xente xoga con niveis de todo tipo. Cando formamos o equipo non sabiamos exactamente que rivais nos íamos atopar, aínda que si coñeciamos os clubes da federación. Sabíamos que había varios xogadores con experiencia profesional. Máis ou menos víamonos ben, en forma e preparados para competir. Ao final, así foi, pero custou tamén, porque había varios equipos con cousas similares ás nosas.

Como o lográchedes sendo un equipo de nova creación?

Foi unha liga competida, sobre todo a fase final. Sorprendeunos, si, pero cando fomos xogando os partidos de liga, sabíamos que, se o facíamos ben, poderiamos conseguilo. Non foi unha sorpresa de repente, foi pouco a pouco. Íamos esforzándonos e, ao final, acabamos perfectamente. Non foi nada fácil, pero tampouco foi unha sorpresa enorme, porque tiñamos un bo equipo e sabiámolo.

Supoño que estaredes moi orgullosos dese logro

Si, claro, un orgullo total e absoluto. Sobre todo porque era moi importante que viñeran as nosas familias aos partidos. Practicamente todos no equipo temos fillos e foi un orgullo enorme quedar campións diante das nosas familias e dos nenos pequenos. Iso foi o mellor, o máis bonito.

Voltando aos inicios, como naceu a idea de formar o club?

Coñeciámonos do baloncesto ourensán. No meu caso, eu son de Ferrol, pero levo 15 anos vivindo en Ourense coa miña muller e encántame o baloncesto. Busquei contactos para xogar partidas, incluso cheguei a xogar nun club da liga zonal, e así fun coñecendo xente. Máis ou menos foi un grupo de coñecidos e amigos que nos gustaba o baloncesto e que seguíamos activos. Despois dun adestramento, tomando algo, xurdiu a idea de xuntarnos e intentalo.

Comezamos sendo sete ou oito e, entre eles, fóronse unindo máis persoas que coñeciamos. A parte máis difícil foi lograr o compromiso para adestrar e asistir aos partidos, pero todos cumpriron. Foi falar entre todos, decidir: “Saí esta liga galega, imos facer un club” e punto.

Tedes apoio do Concello?

Si. De feito, acaban de remodelar o Pavillón Municipal de A Charia, quedou moi ben. O Concello de Pereiro non crea clubes propios, senón que os clubes deportivos deben ser entes privados con razón social propia. Pero desde o principio apostamos por levar o nome e o escudo do Concello e a verdade é que a relación foi moi boa e o apoio foi básico para formar o equipo e asegurar adestramentos de calidade. Nós presentamos o proxecto ao Concello de Pereiro cando o creamos e a verdade é que nos apoiou desde o principio e axudounos con todo o necesario.

Desde eses inicios, como está a ser a evolución do club?

Agora estamos intentando montar o equipo Benxamín, que case con total seguridade estará este ano. As tempadas das categorías inferiores aínda non comezan, así que estamos facendo xornadas de portas abertas. Na categoría Alevín estamos loitando para xuntar suficientes nenos, porque non é fácil competir con outros deportes como o fútbol. A idea é medrar pouco a pouco, non queremos ter agora demasiados equipos porque non temos capacidade nin persoas suficientes.

Máis aló do deporte, cales son os valores do club?

En definitiva, o club naceu pola amizade e tamén para proxectar unha boa imaxe para os nosos fillos e familias. Somos un grupo de amigos que compite nas Ligas Galegas e queríamos servir de exemplo para os nosos fillos.

Que obxectivos vos marcades para esta tempada, tanto a nivel deportivo como de club?

A idea é continuar cos proxectos do ano pasado: participar en semanas deportivas, colaborar co Concello en algún campus de baloncesto, organizar un 3x3 e seguir competindo ao máximo nivel na Liga Galega. Co equipo de veteranos intentaremos revalidar o título de campións, e as categorías base enfocaranse na ensinanza máis que na competición. Todo o faremos pouco a pouco, porque todos temos familia e traballo.

Que sensacións vos transmite a tempada que se aveciña?

Moi boas vibracións. Estamos ilusionados e con gañas de continuar desenvolvendo o club e os proxectos que iniciamos.

⚙ Configurar cookies
0.075853109359741