Declarada a fase de preemerxencia do Plan Invernal de Estradas na provincia de Ourense

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Ata o momento establéronse restricións para vehículos pesados na A-52, AG-53, N-120, N-525 e N-541, e desde o CECOPI fan un chamamento a evitar desprazamentos por estrada
reunion-cecopi-ourense
23 Jan 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu este venres a constitución do Centro de Coordinación Operativa Integrada (CECOPI) con motivo da declaración da fase de preemerxencia do Plan Invernal de Estradas na provincia.

O CECOPI, que ten a súa sede na Subdelegación do Goberno, está formado por representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense, da Garda Civil e do seu subsector de Tráfico, da Policía Nacional, da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e da Demarcación de Estradas. A xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación, Mari Carmen Lodos, acompaña ao subdelegado na dirección do centro.

Segundo o protocolo, a fase de preemerxencia actívase cando a intensidade da nevarada poida dificultar a circulación ou cando a neve ou o xeo na calzada complican efectivamente o tráfico nalgún tramo da Rede de Estradas do Estado. Por iso, a DXT estableceu restricións para vehículos pesados na A-52, AG-53, N-120, N-525 e N-541.

A alerta laranxa está activada en toda a provincia para este venres. Por iso, desde a subdelegación recomendan á poboación evitar desprazamentos innecesarios e, no caso de usar o vehículo, facelo con pneumáticos de inverno ou cadeas, moderar a velocidade, levar o depósito cheo e seguir as indicacións da Garda Civil e das autoridades.

Para facer fronte a esta situación, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible puxo en marcha un dispositivo especial que inclúe 22 máquinas quitaneves, 4.424 toneladas de sal e máis de 110.000 litros de salmoira, operativo desde o 1 de novembro de 2025 ata o 30 de abril de 2026.

Ademais, ante o risco por acumulación de neve, suspendéronse todas as actividades lectivas na provincia, incluíndo gardarías, instalacións do campus e transporte escolar.

⚙ Configurar cookies
0.081652164459229