Decretan a suspensión cautelar de tres parques eólicos na Coruña, Lugo e Ourense
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar de tres parques eólicos -Penas Boas, Orballeira e Fial das Corzas-. Ata hoxe, o alto tribunal galego emitiu un total de 151 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 67 parques eólicos, dos cales 62 suspendéronse. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego entende acreditado nos tres autos que a execución dos proxectos podería ocasionar danos irreversibles a valores ambientais sensibles. En todos os casos, considera acreditado o periculum in mora, “que forma parte da esencia da medida cautelar, pois se tenta asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se produciran situacións irreversibles”.
No auto referente ao parque eólico Penas Boas, situado nos municipios de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós (A Coruña), os maxistrados salientan que “a proba pericial que achega a demandante denota -polo menos indiciariamente- un impacto irreversible sobre certos valores ambientais se se constrúe o parque, facendo ineficaz a sentenza futura, que quedaría en papel mollado ao malograrse o medio no momento en que se ditase”. Ademais, engaden, respecto ao interese prevalecente, que o Tribunal Supremo “consolidou unha importante liña xurisprudencial que outorga prevalencia á preservación do medio ambiente, determinando a suspensión dos actos que incidan desfavorablemente sobre o mesmo”. Por iso, engaden que, se existe tal afección, “-e, no presente caso, en termos indiciarios, haina”- o artigo 45 da Constitución Española “fai obrigada a suspensión do acto administrativo susceptible de causar prexuízos de difícil reparación ao medio ambiente como ben xurídico constitucionalmente protexido”. Na resolución, tamén advirten que “é evidente a importancia que reviste para os intereses xerais o desenvolvemento ou implementación de instalacións de produción de electricidade con enerxía renovable, pero o que sucede é que non é evidente (notorio) que este interese xeral haxa de prevalecer sobre o medio ambiente”.
Respecto ao parque eólico Orballeira, situado nos termos municipais da Rúa, Vilamartín de Valdeorras(Ourense) e Quiroga (Lugo), a Sala tamén destaca que se acreditou “a posibilidade real dun dano ambiental”, á vez que indica que, para resolver a solicitude de medida cautelar “resulta útil acudir ao declarado nas sentenzas do Tribunal Supremo do 10 de maio de 2011 (rec. 3623/2010) e do 24 de maio de 2011 (rec. 3613/2010), que examinaron -para supostos semellantes-, os tres requisitos que se discuten e que se consideraron nos dous autos que alí se impugnaron, que accederon a suspender preventivamente a execución de senllos parques eólicos situados na comunidade autónoma de Castela-León”. En particular, ambos os autos, ratificados polo Tribunal Supremo, “sostiveron que, se as instalacións litixiosas se construísen e ditasen unha sentenza favorable, a súa execución deviría xa imposible, así como que se apreciaba unha deficiencia formal relevante que poñía de manifesto a súa ilegalidade; finalmente, sobre o periculum in mora e a ponderación de intereses, valoraron de forma prevalecente o interese público ambiental sobre a garantía da subministración eléctrica”. Ademais diso, as sentenzas do Tribunal Supremo, segundo consta no auto, “declararon que cando está en xogo a protección de valores ambientais, se impoñía ter en conta as directivas comunitarias 79/409/CEE ou 92/43/CEE, que garanten a súa preservación nos casos en que poidan resultar afectados polos proxectos determinados espazos naturais protexidos”.
Os maxistrados, no auto referente ao parque eólico Fial das Corzas, situado nos concellos de Laza e Vilar de Barrio (Ourense), do mesmo xeito que nos outros dous casos, sinalan que “algunhas infraestruturas do proxecto coinciden con zonas de máxima sensibilidade ambiental”, segundo a clasificación de sensibilidade ambiental proporcionada pola zonificación ambiental para enerxías renovables elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Ademais, afirman que, segundo un informe pericial, “hai dous aeroxeradores que están próximos ás vivendas das familias e que non cumprimentan a distancia recomendada”. Os autos non son firmes, pois contra eles cabe presentar recurso.