Deportistas de toda Galicia reuníronse no Teatro Principal na cerimonia de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo

GaliciaXa | OurenseXa
Entre os premiados hai máis dunha vintena de deportistas ourensáns de oito disciplinas deportivas, que foron recoñecidos polo seu papel sobresaínte na promoción da práctica deportiva
entrega-medallas-merito-deportivo-ourense
Entrega de medallas ao Mérito Deportivo
27 Mar 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na tarde deste mércores na cerimonia de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo, que recoñecen o papel sobresaínte de deportistas e entidades na promoción da práctica deportiva. En total, entregáronse 99 condecoracións nesta edición.

Rueda enxalzou o carácter “eminentemente polideportivo” de Galicia e puxo en valor o sistema deportivo consolidado como parte da vida cotiá en toda a xeografía galega. “O deporte galego é un reflexo da nosa identidade como pobo: unha combinación de paixón, esforzo e compromiso”, remarcou para asegurar que é un dos mellores embaixadores por todo o mundo do que significa Galicia Calidade.

O xefe do Executivo autonómico defendeu os beneficios da práctica deportiva “para acadar hábitos saudables e para a cohesión social”, pero tamén o seu impacto económico, agregando que se trata “dun motor para a nosa economía e factor clave para a internacionalización de Galicia”.

Neste senso, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia no apoio ao desenvolvemento da práctica deportiva, especialmente o deporte de base e o feminino, así como na súa profesionalización, incluíndo a construción de infraestruturas deportivas, liñas de axuda ao deporte e actuacións para facilitar a conciliación académica e laboral dos deportistas. “Queremos que calquera galego poda practicar deporte dende a infancia ata a vida adulta con todas as posibilidades á súa man”, subliñou.

Récord de licencias

Galicia pechou o 2024 con preto de 320.000 licencias deportivas, un 3,4% máis que en 2023, das cales 98.000 son femininas, ambas cifras récord. Ademais, a nosa Comunidade conta con 1.500 deportistas de alto rendemento (350% máis que hai 15 anos) e, no referido ao deporte escolar, máis de 150.000 nenos e nenas forman parte do programa XOGADE, que combina o modelo deportivo de competición coa actividade recreativa nos centros.

Máis de vinte medallas para os deportistas ourensáns

O presidente provincial, Luis Menor, felicitou aos premiados polo seu rendemento profesional e destacou os valores que promoven como a disciplina, traballo en equipo e espírito de superación dos recoñecidos, aos que sinalou como “ gran exemplo” para novas xeracións.

O presidente da Deputación felicitou tamén ao goberno autonómico por estas distincións que premian o esforzo de deportistas individuais e colectivos que son referentes na sociedade. Neste sentido, Luis Menor fixo mención á vintena de medallas que se outorgan a deportistas individuais ourensás -unha delas, a título póstumo, para Constantino Prieto, o impulsor da construción do estado de O Couto-.

Os galardoados ourensáns, de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, hockey, voley, natación, ximnasia, piragüismo e rugby), son os seguintes: Alejandro Fernández Rivera, Támara Echegoyen Domínguez, Luis Rodríguez Vaz, José María 'Chema' Royo Sanz, David Monreal Izquierdo, José Antonio 'Sony' Vázquez Vázquez, Carlos Rodríguez Diéguez, Vicente Álvarez Núñez, Alfonso Vilachá Rodríguez, Adolfo 'Fito' López Arribas, Marisa Acevedo Rego, José Luis 'Victoria' Gómez Álvarez, Beatriz Valcarce Arias, Daniel Pérez Morales, Miguel Ángel 'Fosi' Álvarez Vázquez, Plácido Díaz Fernández, Olalla Piñeiro Mosquera, Rebeca Piñeiro Mosquera, e Paula Carballido Romero.

Luis Menor tamén se referiu ás dúas medallas que a Xunta outorga á xeración do 67 e 68 do Club Deportivo Ourense, tempada na que o equipo ourensán se impuxo nos trinta partidos disputados a todos os seus rivais.

Tamén felicitou aos organizadores da Milla Urbana do Barco, a terceira máis antiga de España.

⚙ Configurar cookies
0.1699481010437