A plataforma “Ourense en Círculo” cumpre unha década fomentando o diálogo e a cooperación entre institucións e empresas

A Deputación de Ourense e o Círculo de Empresarios de Galicia reforzaron hoxe a súa alianza ao redor do programa “Ourense en Círculo”, unha plataforma que cumpre unha década fomentando o diálogo e a cooperación entre institucións e empresas da provincia.
Na reunión celebrada no Pazo Provincial participaron, entre outros, o presidente da Deputación, Luis Menor, e a súa vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa, xunto co director xeral do Círculo, Agustín Riobó, e membros da súa xunta directiva. Durante o encontro, subliñouse o valor desta colaboración “estable e leal” que, como resaltou Riobó, “leva dez anos xerando valor real para o territorio”.
Luis Menor destacou o papel fundamental de contar con aliados estratéxicos “á hora de pensar Ourense en clave económica e empresarial” e repasou a evolución do programa, que se converteu nun foro estable onde se abordan temas como a innovación, a dixitalización, o liderado e a sustentabilidade, entre outros.
O presidente provincial destacou que Ourense reúne “condicións competitivas” que favorecen o investimento e o emprendemento, como o solo dispoñible, o talento local, a calidade de vida e o apoio institucional, e reafirmou o compromiso da Deputación para continuar traballando nun ambiente favorable para o crecemento empresarial.
Durante o encontro tamén se abordaron futuras iniciativas para fortalecer a cooperación en ámbitos clave como a formación, a retención de talento e a captación de investimentos, co obxectivo común de xerar emprego e fixar poboación.
A través de “Ourense en Círculo”, durante estes dez anos realizáronse múltiples actividades que favorecen o intercambio de ideas, a creación de redes empresariais e a conexión da provincia co ecosistema económico galego.
Ourense en Círculo inicia agora unha nova etapa para seguir promovendo o desenvolvemento económico e reforzando a colaboración entre o sector público e privado da provincia.