Desconvocada a folga do lixo en Ourense

OurenseXa
O acordo que pon fin á convocatoria de folga foi respaldado por 5 dos 6 sindicatos que forman o comité de empresa de Ecourense
traballadores-lixo-ourense
28 Feb 2025

Finalmente, non haberá folga no servizo de limpeza e recollida de lixo na cidade. Así se acordou a primeira hora desta mañá nunha reunión mantida no salón de plenos do Concello polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, co comité de empresa de Ecourense coa finalidade de mediar no conflito que dera lugar a unha convocatoria de folga do servizo que estaba prevista a partir de mañá, sábado, día 1 de marzo.

“Sen variar ningunha das condicións que acordáramos días atrás, esta mañá tras unha reunión no Concello, todos os sindicatos excepto a CIG acordaron desconvocar a folga de limpeza e recollida de lixo”, manifestaba Pérez Jácome ao final da reunión, tras a que valorou moi positivamente o respaldo maioritario do comité de empresa a un acordo “que é bo tanto para os traballadores como para a cidade”.

O acordo que pon fin á convocatoria de folga foi respaldado por 5 dos 6 sindicatos que forman o comité de empresa de Ecourense: Comisiones Obreras, UGT, USO, CGT e SPL (todos excepto CIG), que representan a maioría do comité de empresa.

Malestar na CIG

Dende a CIG expresan o seu malestar á postura adoptada polo resto de sindicatos que, dende o seu punto de vista “traizoaron aos traballadores e asinaron o acordo que a alcaldía e a empresa propuxeron, sen mover nin unha soa coma”.

“A Asemblea”, continúan, “debería ser soberana” pero, segundo denuncian, “para algunhas persoas e sindicatos parece que non é así”. “Pola nosa parte, seguiremos loitando pola defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras de Ecourense”, sentencian.

⚙ Configurar cookies
0.094148874282837