Destínanse máis de 13 millóns de euros á construción de 64 vivendas públicas en Ourense

OurenseXa
A Xunta vén de licitar hoxe a construción de 64 vivendas de promoción pública na praza de Cambedo de Raia, no concello de Ourense
Proyecto de viviendas públicas na Praza de Cambeo de Raia
Proxecto de vivendas públicas na Praza de Cambeo de Raia
8 Aug 2024

A Xunta vén de licitar hoxe a construción de 64 vivendas de promoción pública na praza de Cambedo de Raia, no concello de Ourense, ás que se destina un investimento de 13,17 millóns de euros. As empresas interesadas poden presentar ofertas desde mañá venres, 9 de agosto, ata o 27 de setembro.

A futura promoción estará formada por 4 bloques illados, de planta baixa e 3 alturas, con aproveitamento baixo cuberta para rochos e instalacións. Contará ademais das 64 vivendas con 81 prazas de garaxe (3 delas accesibles) e 64 rochos

Cada un dos bloques contará cun total de 16 vivendas, distribuídas en 4 por planta e terán 2, 3 e 4 dormitorios, cunha superficie útil media que oscila entre os 71m2 e os 99m2. Os bloques 1, 3 e 4 serán iguais entre si, mentres que o bloque 2 varía na planta baixa, para dar cabida a un local comunitario.

Os inmobles habilitaranse sobre unha parcela de algo máis de 3.000 m2 resultado da agrupación das parcelas 5, 6 e 7 da unidade de execución denominada polígono 1 do Sector Urbano SU-48 do PXOM. Estas parcelas foron previamente mercadas pola Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, á Sareb, por un importe de máis de 1 millón de euros.

A superficie construída total acadará os 10.646 m2, e a superficie libre da parcela, de 1.204 m2, non ocupada polas edificacións, destinarase a xardíns e espazos libres de uso comunitario.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé que as obras, que financia nun 75,19 % con fondos propios, correspondendo un 24,81 % a fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia), estean rematadas no 2026.

A actuación cumpre o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.

 

Ademais dos proxectos cofinanciados con fondos MRR, o Goberno galego está a traballar en vivendas financiadas exclusivamente con fondos da comunidade autónoma, así como na adquisición de vivendas de promoción pública aos seus propietarios actuais e na compra de vivendas da Sareb.

 

Esta nova promoción inclúese no compromiso da Xunta de acadar as 8.000 vivendas públicas na presente lexislatura, construíndo novas vivendas nos sete grandes concellos e as súas áreas de influencia.

0.17273497581482