Dez loitadores do Club Marbel representarán a Ourense no Europeo de Jiu Jitsu

As actuacións ourensás repartiránse ao longo da próxima semana, comezando este sábado 14 de marzo. Leire Carrera abrirá a competición en Loita Sub21 (-57 kg), acompañada polo Dúo Sub21, formado por Silvia Iglesias e Lucía Caneiro. O luns 16 participará Rubén Córdoba en Loita Sénior (-94 kg). O mércores 18 competirán os actuais bicampións do mundo, Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez, no Dúo Máster (45-49 anos). O xoves 19 será o turno do Dúo Sub16, integrado por Carla Seoane e Beatriz Nesi, e o sábado 21 pecharán a participación o Dúo Sub14 mixto, con Alicia Pazos e Álvaro Seoane.
Todos os participantes acadaron a súa praza tras situarse primeiro ou segundo no ranking nacional da súa categoría, o que reflicte o elevado nivel do Marbel en España. O club segue a senda marcada por Felipe Iglesias na década de 2010, xunto a Christian Álvarez, con logros recentes como o quinto posto de Tamara Silva en 2023 e o decimoséptimo de Guillermo Arenas en 2024 en categoría júnior.
Trátase dunha expedición histórica para o único club da provincia especializado nesta disciplina marcial. O líder do equipo, Felipe Iglesias, destaca que os obxectivos do conxunto son “competir ao máximo das nosas posibilidades e intentar aspirar a medallas nas categorías nas que prosperamos tanto nos últimos anos”.
O campionato disputaráse no Heraklion Arena, na cidade de Heraklion, con 157.000 habitantes e cuarta cidade máis poboada de Grecia. O recinto, inaugurado en 2007, ten capacidade para máis de 5.000 espectadores e foi sede de partidos internacionais da selección grega de baloncesto.