Doce concellos ourensáns reciben nova maquinaria para reforzar a prevención de incendios forestais

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia entregaron este martes nova maquinaria a doce concellos da provincia co obxectivo de mellorar as tarefas de prevención e loita contra os lumes forestais. O acto tivo lugar no parque provincial de maquinaria da Deputación, en San Cibrao das Viñas.
Na entrega participaron o presidente da Deputación, Luis Menor; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Os tractores con rozadoira foron destinados aos concellos de Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Beariz, Ribadavia, Os Blancos, O Barco e Laza, así como ás mancomunidades de Celanova e Verín.
Durante o acto, Luis Menor puxo en valor a colaboración entre as administracións autonómica, provincial e local en materia de prevención de incendios, unha cooperación que cualificou de especialmente relevante na provincia de Ourense. O presidente provincial lembrou que a vaga de lumes do pasado verán, a máis grave rexistrada ata o de agora, evidenciou a importancia de estar preparados en materia de emerxencias, destacando que, malia a magnitude da situación, non houbo que lamentar vítimas mortais.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural subliñou a necesidade deste tipo de iniciativas conxuntas, nas que as administracións “suman esforzos” para reforzar a capacidade de resposta fronte aos incendios forestais.
Menor destacou tamén que este convenio de colaboración, que vai xa pola súa cuarta edición, foi impulsado por vez primeira no ano 2019 e permitiu avanzar de forma significativa na dotación de medios aos concellos. Con esta entrega correspondente ao ano 2024, e coa contratación xa en marcha da anualidade de 2025, a provincia alcanza as 50 máquinas distribuídas, o que supón cubrir arredor do 60 % do territorio.
Esta cooperación institucional foi reforzada no ano 2025 cun investimento de 4,1 millóns de euros, destinado tanto á adquisición de maquinaria como á contratación de persoal. Ademais, ao abeiro deste protocolo, creáronse 16 brigadas que traballaron durante seis meses, entre abril e outubro, nas catro mancomunidades da provincia, ás que se lles dotou de máquinas hidrostáticas polivalentes. O persoal destas brigadas recibiu tamén formación específica no Centro de Loita contra o Lume de Toén.