Dous jiujitsukas do Marbel representarán a Ourense no Mundial Máster de Tailandia 2025

OurenseXa
Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez Serafín serán os encargados de representar ao club nesta competición de referencia a nivel internacional
Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez Serafín
31 Oct 2025

O Jiu Jitsu Club Marbel continúa o seu camiño na elite do Jiu Jitsu internacional e estará representado no Mundial Máster de Tailandia 2025 por Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez Serafín. A competición disputarase do 1 ao 7 de novembro en Bangkok.

Felipe Iglesias competirá na categoría Máster Loita M3 -62 quilos, ademais de formar parella con Xermán Rodríguez na modalidade de Kata e Show. Para Xermán, será a súa primeira experiencia internacional nun torneo deste nivel, converténdose no noveno deportista do club en acadar unha cita mundialista.

Pola súa parte, Iglesias, actual seleccionador galego de Jiu Jitsu, regresa á competición seis anos despois. Cunha traxectoria destacada, foi subcampión do mundo e de Europa, ademais de liderar o ranking mundial en 2016. “Tailandia tráeme unha grande lembranza, porque alí alcancei o número 1 mundial. Ademais, síntome motivado por competir, coñecer o panorama actual e animar máis aos valores que temos no club”, explicou o deportista de 49 anos, convencido de que ambos “teñen opcións para loitar pola medalla en ambas categorías”.

A competición Máster desenvolverase o sábado 1 de novembro a partir das 9:00 da mañá no Hua Mark Indoor Stadium, situado no distrito de Bang Kapi, un dos máis poboados de Bangkok. O recinto, inaugurado en 1966 para os Xogos Asiáticos e cunha capacidade actual para 6.000 espectadores, foi tamén sede do Mundial de fútbol sala de 2012.

⚙ Configurar cookies
0.073761940002441