Ecoloxistas en Acción presenta o cartografiado de zonas húmidas da provincia de Ourense

OurenseXa
Coa campaña “Humidais para a Vida”, Ecoloxistas en Acción pretende concienciar sobre a importancia das zonas humidas e as agresións ambientais que sofren
paisaxe-rio-mino-ribeira-sacra
Ribeira Sacra
21 Out 2024

Ecoloxistas en Acción presenta a terceira fase da súa campaña "Humidais para a Vida", coa que pretenden visibilizar que as zonas húmidas son indispensables para a vida polos innumerables beneficios ou “servizos ecosistémicos” que brindan á humanidade, desde subministración de auga doce, alimentos e biodiversidade, ata o control de crecidas, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático.

Nesta terceira fase, a organización ecoloxista presenta unha relación de humidais avaliados na provincia de Ourense. Este catálogo de zonas húmidas ourensás, aparellado dun informe cos humidais que necesitan de forma urxente unha figura de protección, será rexistrado na Xunta de Galicia para solicitar ao goberno galego a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia, como paso previo a súa posterior declaración de zona protexida.

Para Ecoloxistas en Acción é esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas.

“Un estudo tras outro demostra que a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo. En consecuencia, os servizos dos ecosistemas que os humidais proporcionan ás persoas atópanse en perigo. A perda e degradación dos humidais tradúcese nun enorme impacto social e económico como, por exemplo, o aumento do risco de inundacións, diminución da calidade da auga, ademais de impactos sobre a saúde, a identidade cultural e os medios de subsistencia”, sinala Roberto Vilela, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

As zonas avaliadas foron as seguintes a Ribeira Sacra, a comarca da Limia e a comarca de Terras de Celanova, Viana e Terra de Trives.

0.19576406478882