Eduardo Villar deixa a dirección do COB por motivos persoais

Eduardo Villar anunciou este mércores a súa saída definitiva do Club Ourense Baloncesto. Fíxoo, segundo afirmou nunha rolda de prensa ante os medios, por motivos estritamente persoais.
Villar deixa así a presidencia do COB, cargo que asumira hai xa case tres anos, convencido de que o que queda agora é un proxecto serio e con moitas posibilidades, facendo referencia a un posible ascenso á ACB.
O xa ex presidente do COB agradeceu ao equipo e aos accionistas todo o traballo realizado nos últimos anos, que permitiu ao club remontar tanto no ámbito deportivo como no económico, e que actualmente se atopa nun gran momento.