O Club Natación Escualos e o Campus de Ourense organizan o 4º Festival de Natación Campus Auga

A piscina universitaria do campus de Ourense será o escenario o vindeiro sábado 27 de decembro do 4º Festival de Natación Campus Auga. O evento está organizado polo Club Natación Escualos co apoio de Campus Auga, o proxecto de especialización do campus ourensán impulsado pola Xunta de Galicia.
O festival está aberto á participación de calquera persoa interesada, aínda que ten como obxectivo principal fomentar a práctica da natación entre a comunidade universitaria. Coincidindo coas datas do Nadal, a cita terá ademais un marcado carácter solidario: non se establece cota de inscrición, pero as persoas participantes deberán achegar alimentos non perecedoiros que serán doados ao Banco de Alimentos de Ourense.
A inscrición permanecerá aberta ata as 23.59 horas do 23 de decembro e contará cun máximo de 100 prazas dispoñibles. A competición incluirá catro probas individuais —50 metros libres, braza, costas e bolboreta—, así como unha proba de remudas fóra de concurso. Haberá categorías sénior, máster e universitaria, e cada participante poderá competir en tantas probas como desexe. A clasificación final establecerase a partir da suma dos tempos obtidos nas catro probas.
O festival repartirá medallas para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos de cada categoría, ademais dun vale para o gañador ou gañadora. Tamén se prevén sorteos e agasallos para as persoas participantes.