Eladio Santos destaca o labor realizado dende o centro de crise para vítimas de violencia sexual de Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou esta mañá o centro de crise para vítimas de violencia sexual sito no Punto de Atención Continuada (PAC) da rúa Concello de Ourense.
Trátase dun espazo especializado, aberto as 24 horas, que presta acompañamento e atención psicolóxica (presencial, online e telefónica) a todas a vítimas e superviventes que sufrisen violencia sexual no pasado ou no presente, así como aos seus familiares e persoas do entorno das mesmas. En ningún caso é precisa a interposición de denuncia para facilitar esta atención.
Entre o persoal do centro de crise ourensán atópanse tres psicólogos, dous traballadores sociais, unha xurista e unha administrativa.
A posta en marcha destes centros responde ao establecido polo Consello de Europa e desenvolto polo Goberno de España, que destina unha inversión total de 83 millóns de euros, dos cales seis foron asignados a Galicia, para a apertura de centros de crise. Neste momento, a nosa comunidade conta con cinco, incluído o ourensán.
“A violencia sexual é un problema que hai que atallar de raíz, que moitas veces deriva en violencia de xénero, e polo tanto hai que tratar de solucionalo por todos os medios”, destacou Santos durante a visita.
Ademais, o subdelegado puxo o foco na necesidade de que todas as mulleres da provincia e o seu entorno coñezan da existencia dos mesmos. “A Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia é a responsable da súa xestión, pero é necesario un traballo de divulgación e coñecemento destes centros porque a súa apertura é recente e precísase darlle un impulso”, sinalou.
Nesta visita tamén estiveron presentes o director xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, entre outros.