Eladio Santos pon en valor o “amplo labor” da UNED en Ourense

OurenseXa
O subdelegado do Goberno vistou as instalacións deste centro acompañado polo seu director, Jesús Manuel García
Eladio Santos e Jesús Manuel García
10 sep 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este luns a sede da UNED na capital das Burgas con motivo do inicio do novo curso escolar.

Acompañado polo seu director, Jesús Manuel García, o subdelegado percorreu as instalacións e interesouse polas diversas accións formativas que a Universidade Nacional de Educación a Distancia ofrece a aqueles ourensáns que, polas súas circunstancias persoais ou laborais, non poden acceder á formación polo sistema tradicional.

A través dunha preparación continua, a UNED ofrece estudos superiores nas diversas ramas (sanitaria, técnica, humanidades...). Trátase de ensinanza regrada trala cal se obtén o correspondente título universitario do Ministerio de Educación. Ademais, profesores especializados guían o estudo e aprendizaxe do alumno, o cal tamén ten acceso a aulas de informática, biblioteca, salón de actos, cursos ou relatorios específicos das diferentes carreiras.

Durante a reunión, o director da UNED explicoulle ao subdelegado que se trata dun servizo que cada ano aumenta en número de alumnos, destacando nos últimos tempos os matriculados nos grados de Psicoloxía e Dereito. Non obstante, Informática, Xeografía e Historia, e Filoloxía tamén chaman a atención dos estudantes ourensáns.

Ademais, a universidade a distancia permite que os empregados públicos melloren a súa cualificación, “o que lles supón unha importante posibilidade de promoción profesional”, lembrou Eladio Santos.

Así mesmo, a UNED ofrece nas súas sedes de Ourense e A Rúa, así como noutras vilas, cursos de formación especializados en turismo, viticultura, agricultura, tecnoloxía ou informática. O que pon en evidencia que realiza “un labor moi amplo, máis alá dos graos universitarios”, destacou o subdelegado.

0.080480098724365