Eladio Santos resalta o traballo da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos recibiu este mércores a membros da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense. O seu presidente, Germán Rodríguez-Sáa, a vicepresidenta, Olga Mojón, e a secretaria, Pilar López-Guerrero, informaron ao subdelegado do labor que realiza este colectivo na provincia e do continuo crecemento que está experimentando, medrando en número de socios e accións cada ano.
Para o desenrolo do seu plan estratéxico provincial, os representantes da AECC aproveitaron a cita para solicitar a colaboración da Subdelegación do Goberno, como están a facer tamén cos concellos da provincia.
Eladio Santos, pola súa banda, resaltou a traxectoria da asociación en Ourense e quixo poñerlles de manifesto que considera que “a AECC é máis que unha ONG, xa que realiza un servizo sanitario imprescindible para a poboación, con atención psicolóxica e apoio tanto a pacientes como a familiares”.