Eladio Santos toma posesión como novo subdelegado do Goberno en Ourense
O novo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, toma posesión do cargo este xoves nun acto institucional que se celebrará na Subdelegación de Ourense.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mostrou a súa satisfacción por esta incorporación, relevando ao anterior subdelegado, Emilio González, quen cesou por xubilación a finais do pasado mes de abril. Pedro Blanco reiterou o recoñecemento ao traballo desenvolvido por Emilio González no tempo que estivo á fronte da Subdelegación, exemplo de profesionalidade e de servizo público á provincia. Durante estas semanas transcorridas entre o cese de Emilio González e o nomeamento, o pasado martes, de Eladio Santos, exerceu o cargo de subdelegado en funcións Manuel Arias, secretario xeral desta Subdelegación.
O novo subdelegado do Goberno na provincia de Ourense naceu no Barco de Valdeorras no ano 1964. É catedrático de Ensino Secundario na especialidade de Xeografía e Historia, impartindo docencia no IES Loureiro Olmo do Barco de Valdeorras desde o ano 2000 e formando parte da administración desde 1991. En toda a súa carreira como profesor sempre participou nos equipos de innovación educativa en aspectos como a formación en novas tecnoloxías, a dinamización lectora, a inclusión e a igualdade. Foi concelleiro de Turismo, Comercio e Promoción económica entre os anos 2019 e 2023. Na actualidade é o secretario xeral da agrupación municipal socialista do Barco de Valdeorras.