Entran en funcionamento os controis de acceso por cámaras no Centro Histórico

OurenseXa
A partir deste martes, os vehículos que accedan á zona restrinxida sen a autorización correspondente serán detectados e sancionados automaticamente
rua_paseo_ourense_recurso
2 Mar 2026

O Concello de Ourense activa mañá o control de acceso por cámaras no Centro Histórico. Así, a partir de mañá, martes 3 de marzo, entrará en funcionamento o novo sistema de videovixilancia e control de accesos tras a instalación de 17 cámaras de lectura de matrículas. O dispositivo comezará a operar de forma efectiva para regular o tráfico e garantir a seguridade peonil na zona monumental.

Os vehículos que accedan á zona restrinxida sen a autorización correspondente serán detectados e sancionados automaticamente. Segundo o Concello, o obxectivo da medida é preservar o contorno histórico, reducir o fluxo de vehículos non autorizados e mellorar a mobilidade de residentes e peóns.

O sistema utiliza cámaras de alta definición que contrastan as matrículas en tempo real coa base de datos de vehículos autorizados. O Concello lembra a veciños, comerciantes e usuarios con necesidades especiais que deben contar coa súa autorización vixente para evitar multas. Aqueles que aínda non regularizasen a súa situación poden realizar os trámites a través das vías municipais habituais.

0.13938188552856