Entran en vigor novos cambios nos autobuses de Ourense

O Concello de Ourense pon en marcha este luns, 6 de outubro, os últimos axustes previstos na rede de autobuses urbanos, dentro do proceso de mellora e optimización do servizo.
Entre as novidades está a ampliación do percorrido da liña 6 “Campo de fútbol do Couto-Residencia-As Curuxeiras”, que desde agora chegará até a estación de tren para conectala coa residencia sanitaria. Esta modificación manterase até a entrada en servizo da futura liña circular, prevista para marzo. Así mesmo, Mende contará con conexión directa coa residencia a través do Polvorín.
A liña 3, que une Santa Cruz con O Cumial, pasará a circular pola Ponte Nova no canto de pola Ponte do Milenio, mantendo os horarios habituais.
Por último, ao longo da vindeira semana —entre o martes e o mércores— poñerase en marcha un autobús de reforzo na ruta Praza da Mariña – Parque de San Lázaro. Este servizo funcionará en horario de mañá, entre as 7:30 e as 14:30 horas, en ambos sentidos, co obxectivo de atender ao incremento de usuarios neste percorrido, estimado nun 4 %.