Especialistas de 21 países analizan en Ourense os cambios na atmósfera

OurenseXa
O Campus de Ourense está a acoller o 'Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024)' no que participan máis de 70 expertos de institucións como a NASA ou o MIT
camous-pourense-trends
O Campus de Ourense acolle o 'Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024)'
6 May 2024

O Campus de Ourense acolle durante esta semana a celebración do XII Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024), onde participan 77 especialistas de 21 países, procedentes de institucións tan importantes como a Nasa, o Massachusetts Institute of Technology (MIT), o National Center for Atmospheric Research dos EEUU e as academia de Ciencias de países como China, India e Chequia, ademais de España.

O Congreso, que se celebra por primeira vez en España, está organizado polo Grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo.

"Trends é o foro de referencia para as persoas e institucións que estudamos a alta atmosfera”, destaca Juan Antonio Añel, físico da Universidade de Vigo e coordinador do evento. Por iso, insiste na importancia de que o campus de Ourense acolla esta cita de relevancia internacional.

Entre o 6 e o 10 de maio, os membros da comunidade científica analizarán, nun contexto de cambio climático, as variacións e tendencias a longo prazo na atmosfera media e alta, tal e como explican desde a UVigo.

A celebración de Trends 2024 en Ourense culmina dous anos de traballo que arrancaron coa presentación da candidatura de EphysLab para acoller esta cita e a súa elección por parte do comité científico internacional do evento.

0.16156411170959