Excelentes resultados para o Club Mabel no Campionato de España de Jiu Jitsu

Os deportistas ourensáns do Club Marbel regresaron con tres medallas e destacados resultados do Campionato de España de Jiu Jitsu, celebrado a pasada fin de semana en Parla (Madrid). A cita reuniu na fase final do Nacional a deportistas de todo o país e contou coa participación de cinco representantes do club ourensán integrados na selección galega.
Un dos grandes protagonistas foi o dúo formado por Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez, actuais campións do mundo de veteranos en Dúo Kata e Dúo Show. No campionato estatal volveron demostrar o seu nivel ao proclamarse campións de España en Dúo Kata e lograr a medalla de prata en Dúo Show, medíndose cos mellores especialistas a nivel nacional.
Tamén subiu ao podio Leire Carrera, que conseguiu o bronce na modalidade de Ne Waza, a loita no chan, ademais dun meritorio sétimo posto en Lucha na categoría de -57 quilos. Pola súa banda, Rubén Córdoba pechou a súa participación cun quinto posto en Lucha e unha novena posición en Ne Waza na categoría de -94 quilos, mentres que Christian Álvarez Fernández acadou a quinta praza en Lucha masculina na categoría de máis de 94 quilos.
O equipo ourensán estivo acompañado no apartado técnico pola mestra Anita Fernández, que exerceu como adestradora xunto ao seleccionador galego Felipe Iglesias. A delegación galega completouse con outros catro competidores e un árbitro procedentes da Coruña.
Os representantes de Ourense achegaron tres das seis medallas conseguidas pola selección galega no campionato, confirmando o bo momento do Jiu Jitsu ourensán a nivel estatal.