Excelentes resultados para o club Ximnasio Estudio A Valenzá no Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu

OurenseXa
O club de Barbadás brillou na competición con tres campións autonómicos, un subcampión, un terceiro posto e catro cuartos postos
Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu
Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu
7 Apr 2025

Este sábado 5 de abril celebrouse no polideportivo do Colexio Público de Quins, no Concello de Melón, o Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu, unha disciplina de artes marciais centrada en técnicas de defensa persoal. Esta foi a 16ª edición do campionato, e por primeira vez tivo lugar na provincia de Ourense.

A organización correu a cargo do Departamento de Nihon Tai-Jitsu da Federación Galega de Karate e do club Ximnasio Estudio A Valenzá. O campionato contou ademais coa colaboración do Concello de Melón, da Xunta de Galicia —a través da súa Xefatura Provincial de Deportes— e da Deputación de Ourense.

Ao evento asistiron deportistas de toda Galicia, que competiron na modalidade de kata individual, abranguendo todas as categorías: desde os máis pequenos, os benxamíns, ata os sénior.

Desde a organización destacan o carácter mixto da competición, con participación conxunta de homes e mulleres, reflectindo así o espírito de igualdade e non discriminación de xénero que promove esta disciplina, na que non se establecen categorías separadas por sexo.

En canto aos resultados, o club Ximnasio Estudio A Valenzá brillou na competición con tres campións autonómicos, un subcampión, un terceiro posto e catro cuartos postos, sendo os mellores resultados para o Nihon Tai-Jitsu ourensán acadados ata o de agora. Desde o club salientan as “boas sensacións de cara a futuros campionatos desta disciplina de artes marciais”.

⚙ Configurar cookies
0.16618299484253