Excelentes resultados para o Ximnasio Estudio A Valenzá de Barbadás no Campionato Galego de Aninovo de Nihon Tai-Jitsu

O polideportivo do CEIP Península da Paz, en San Ciprián, no municipio de Cervo (Lugo), acolleu esta fin de semana o Campionato Galego de Aninovo de Nihon Tai-Jitsu, na modalidade de kata individual. A competición estivo organizada polo Departamento de Nihon Tai-Jitsu da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.
O evento reuniu arredor dun cento de deportistas procedentes de toda a xeografía galega, nunha disciplina de artes marciais especializada en técnicas de defensa persoal. Entre os participantes atopábanse dous integrantes do equipo ourensán do Ximnasio Estudio A Valenzá, que competiron en distintas categorías en función da súa idade e cinto.
Na categoría xuvenil, Adrián Rodríguez proclamouse campión galego, acadando o primeiro posto na competición. Pola súa banda, Raúl Fernández obtivo a segunda posición na categoría cadete, acadando o subcampionato galego.
Estes resultados supoñen un importante éxito para o Nihon Tai-Jitsu ourensán e reflicten o bo traballo realizado polo club, deixando moi boas sensacións de cara a futuras competicións desta disciplina de artes marciais.