Éxito do Club Piragüismo Ourense no Campionato Provincial de Piragüismo

OurenseXa
O club ourensán liderou a segunda regata da Liga Provincial, seguido do Fluvial Allariz, a S.C.D.X Fontefría, o Fluvial O Barco, o Náutico Ribeiro e o Fluvial Avión-Castrelo de Miño.
regata-piraguismo-ournese-castrelo-dee-miño
Imaxe do Club Piragüismo Ourense
29 Jul 2025

Este pasado domingo celebrouse no encoro de Castrelo de Miño a segunda regata da Liga Provincial de Piragüismo, unha proba puntuable para a Copa Deputación 2025. A xornada, organizada polo Club Piragüismo Fluvial Avión-Castrelo de Miño e a Federación Galega de Piragüismo, contou coa colaboración do Concello de Castrelo de Miño e da Deputación de Ourense, e reuniu 90 deportistas (61 homes e 29 mulleres) procedentes de todos os clubs da provincia.

As distancias da competición adaptáronse ás distintas categorías: 1.000 metros para prebenxamíns, benxamíns e alevíns; 2.000 metros para infantís; e 4.000 metros para cadetes. O bo tempo e a presenza de numeroso público acompañaron unha xornada que transcorreu nun ambiente deportivo destacable.

O Club Piragüismo Ourense impúxose na clasificación xeral por equipos, seguido do Fluvial Allariz e da S.C.D.X Fontefría (Muiños). Completaron a clasificación xeral o Fluvial O Barco, o Náutico Ribeiro e o Fluvial Avión-Castrelo de Miño.

Entre os resultados individuais destacaron as vitorias de padexeiros como Manuel Antonio Pérez e Inés Arias na categoría cadete, Thiago Paz e Ximena Teijeiro en infantil B, e Carla Varela en prebenxamín, todos eles do Club Piragüismo Ourense. Tamén acadaron primeiros postos deportistas do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, o Náutico Ribeiro e o Fluvial Allariz.

A entrega de trofeos estivo presidida pola tenente de alcalde do Concello de Castrelo de Miño, Rita Pereiras. A próxima cita do calendario provincial servirá para continuar perfilando a clasificación desta edición da Copa Deputación.

⚙ Configurar cookies
0.3922438621521