Expourense e o Consello Regulador da D.O. Monterrei reforzan a colaboración

OurenseXa
Ambas as organizacións acaban de ratificar por décimo ano consecutivo o convenio polo cal o Consello Regulador estará presente en todas as feiras e eventos celebrados no recinto ourensán ao longo de todo o ano
firma-convenio-do-monterrei-expourense
Manuel Vázquez Losada e Rogelio Martínez
26 Mar 2025

O C.R.D.O. Monterrei e Expourense cumpren unha década de cooperación e promoción mutua. Ambas as entidades ratificaron por décimo ano consecutivo a súa condición de colaboradores, o que permite ao Consello Regulador de Monterrei estar presente en todas as accións promocionais, feiras e eventos organizados polo recinto para este ano 2025. A firma deste convenio, que tivo lugar esta mañá na sede do Consello Regulador ubicada en Verín, correu a cargo do presidente da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada, e do director xeral da Fundación Expourense, Rogelio Martínez. A D.O. Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015, o que implica a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano, sobre todo en Portugal, no marco dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.

A primeira destas citas promocionais será a feira AGRO de Braga, que celebrará a súa 57ª edición do 3 ao 6 de abril, e na que Expourense sempre participa cun stand propio grazas á colaboración con Forum Braga. Dentro das feiras previstas para 2025, Monterrei contará cun stand propio na 11ª edición de Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, que se celebrará os días 2 e 3 de xuño. Ademais, participará de forma directa en Xantar, o 26º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 20 e 23 de novembro. Este Consello Regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia dentro dos showcookings de Xantar e organizarán unha cata comentada.

Ademais desta presenza directa, a promoción dos viños de Monterrei está presente en todas as feiras e eventos deportivos do calendario de Expourense a través da proxección de vídeos corporativos na pantalla xigante do pavillón do recinto. Coa firma do convenio, ambos os organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais co obxectivo de promover os viños e a enogastronomía en xeral, tanto no territorio nacional como no estranxeiro.

Rogelio Martínez agradeceu ao Consello Regulador a súa fidelidade como colaborador fixo de Expourense e lembrou que a firma deste convenio demostra como as entidades da provincia de Ourense confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos neste espazo de cooperación público-privada que recibe cada ano máis de 120.000 visitas.

Pola súa parte, Manuel Vázquez salientou que “Expourense é un bo escaparate para potenciar a imaxe de marca da D.O. Monterrei e dar a coñecer os viños que se elaboran no territorio, tanto no mercado nacional como no internacional”.

⚙ Configurar cookies
0.4944019317627