Expourense inaugura o VII Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur Galicia

A Fundación Expourense inaugurou esta mañá o o VII Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur Galicia, un evento destinado a todos os públicos, tanto para deportistas como para maiores e cativos. Os visitantes encontrarán neste salón un lugar onde poderán contactar co deporte en todas as súas facetas.
Paralelamente, durante este xoves e venres desenvólvese lamén o o V Congreso Internacional de Turismo e Deporte.
Sportur Galicia
Sportur Galicia, VII Salón do Deporte e Turismo Activo convoca a un total de 44 participantes entre os que destacan as federacións e clubs deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos e empresas de turismo activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal.
Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer as opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que máis da metade dos expositores son clubs e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes.
Sportur Galicia 2024 volverá ser un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa conmaís de 90 actividades que se levarán a cabo no pavillón central de Expourense onde xa estará instalada a pista de atletismo cuberta.
As federacións e asociacións e clubs deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades que poden consultarse en www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: atletismo; ciclismo; cachibol; tai-chi; wushu; deportes náuticos (piragüismo, canoa e remo); pickleball e tenis; patinaxe; escalada; loita; tiro con arco; Karate; esgrima clásica; taekwondo; bádminton; xadrez; hockey herba; zumba, etc. Destacan ademais as actividades do programa o Torneo Intercentros “Xogando Atletismo” organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte que convocarán a centos de estudantes de Primaria e Secundaria de varios centros educativos. As actividades deportivas combinaranse con outras vencelladas á promoción de hábitos de vida saudables promovidas dende entidades como a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade; a Universidade de Vigo ou a Asociación Diabética Auria.
Entre as actividades especiais destaca a visita para asinar autógrafos do xogadores do LEB ORO COB (xoves 12 ás 19.00 horas) ou a conferencia de Fernando Salinero titulada “O teu club: xerar un proxecto con alma” que terá lugar o venres 13 ás 17.00h. e que conta coa colaboración do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense.
Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfís en Facebook e Instagram. O horario de feira será o mesmo durante os dous días: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
V Congreso Internacional de Turismo e Deporte
O V Congreso Internacional de Turismo e Deporte contará coa participación de 20 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico.
As distintas ponencias deste congreso xirarán sobre tres grandes bloques temáticos. O primeiro deles será a presentación de distintas políticas e programas para conseguir “cidades activas” como caso de “Senderos Azules” que propón converter as poboacións en contornas “sostibles, activas, saudables e agradables”. Sobre este tema serán presentados varios casos de éxito de áreas onde xa se implantou este programa como é o caso de Alfas del Pi en Alicante ou a Rexión de Murcia. Neste bloque temático tamén se pode incluír a mesa redonda que presentará as distintas políticas municipais e provinciais que teñen o obxectivo de converter ás vilas e cidades nun espazo activo e na que participarán representantes da distintas administracións xunto a xerentes de empresas punteiras na sustentabilidade turística como é o caso de Murua Sport Innovation, Don Cicleto ou Naos Arquitectura.
O segundo dos bloques temáticos será o do turismo activo inclusivo con dúas mesas redondas nas que participarán expertos da Fundación ENKI e o creador de “Senderos Accesibles”, ademais de representantes de Turismo da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense. E o terceiro dos fíos condutores deste congreso será a formación e a cualificación profesional dos traballadores dos sectores do turismo deportivo e activo. Contará coa participación de empresas especializadas en formación deste sector, por representantes da Federación Galega de Surf e polo presidente da Federación Galega de Montañismo.
A asistencia a este congreso é gratuíta previa inscrición a través da web www.sporturgalicia.com e pode seguirse de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual dende calquera parte do Mundo.