Expourense presenta a segunda edición do Salón do Vehículo Clásico

OurenseXa
O II Salón do Vehículo Clásico celebrarase esta fin de semana no recinto ferial Expourense e contará coa participación de 30 expositores, 20 clubs e máis de 140 vehículos clásicos, de época e de competición
presentacion_salón_vehiculo_clasico_expourense
Presentación do II Salón do Vehículo Clásico en Expourense
3 Abr 2024

Expourense celebra esta fin de semana, durante os días 6 e 7 de abril, a segunda edición do Salón do Vehículo Clásico que espera consolidarse de forma definitiva no calendario do recinto feiral tras a boa acollida que tivo na súa primeira edición celebrada en xuño de 2023. Este salón ten o obxectivo principal de converterse nun gran punto de encontro para os afeccionados aos vehículos clásicos ofrecendo ademais unha gran área de exposición e venda coa presenza de 30 expositores e 20 clubs de afeccionados, moitos deles de ámbito nacional.

A cita foi presentada en Expourense nun acto no que participaron o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, a xefa territorial da Consellería de Economía en Ourense, Alicia López, o presidente da Fundación Estanislao reverter, Luis Reverter e o secretario da Escuadra de Clásicos de Ourense, Ricardo García, que estiveron acompañados representantes das distintas entidades colaboradoras con este evento.

O 2º Salón do Vehículo Clásico contará coa presenza de 20 expositores especializados no sector do clásico e entre as que se atopan tanto compravendas como empresas de recambios, accesorios, compoñentes, pintura, miniaturas, etc. A área expositiva inclúe ademais a participación de máis de 140 vehículos clásicos (matriculados ata 1994, é dicir, cun mínimo de 30 anos de antigüidade) entre os que se poden atopar tanto coches como motos. Estes vehículos de exposición están cedidos por coleccionistas privados, restauradores, mecánicos, clubs e particulares. Nesta exposición poderán atoparse atractivos como o mítico “Alpinche” cedido pola Fundación Estanislao Reverter ou unha mostra de vehículos clásicos cedidos pola Policía Nacional.

Un dos grandes atractivos desta cita para os amantes do sector é o Aparcadoiro de Clásicos. O recinto contará cunha área reservada para que aparquen nel (ata completar aforo) os visitantes que se despracen ata Expourense ao volante do seu clásico.

Cada coche ou moto clásica que aparque nesa zona recibirá dúas invitacións para que poidan visitar o salón sen custo. É recomendable que aqueles que se decidan a asistir co seu clásico han de inscribirse previamente a través da web do evento www.salonvehiculoclasico.com.

Programa de actividades

Unha das novidades desta segunda edición será un completo programa de actividades. Outro dos obxectivos desta cita é animar aos propietarios de clásicos especiais a sacalos do garaxe e presumir deles ante os visitantes do salón. Para iso convocouse o Primeiro Concurso Elegancia que conta con 13 coches finalistas (matriculados entre 1917 e 1994) e que estarán expostos no salón. Estes finalistas presentáronse no perfil do salón para que os seguidores poidan votar para o “Premio do Público” e xa en feira será valorados tamén por un xurado profesional. Entre os participantes no Aparcadoiro de clásicos celebrouse tamén o Concurso “O meu Clásico de portada” e cuxo coche gañador será a imaxe do cartel conmemorativo desta segunda edición. A entrega de premios de ambos os concursos está prevista para o domingo 7 de abril ás 13.00 horas.

En colaboración coa Concellería de Xuventude e a empresa ourensá “Xog-on” organizouse tamén o 1º Campionato de Simracing de clásicos. Tamén se celebrará a Primeira Competición de Rallye Clásicos de Slot “Cidade de Ourense” na que tamén colabora Xuventude Ourense. A terceira das competicións na que poden participar os visitantes que desexen facelo será a 1ª Competición para “Lentos en moto” que organiza Expourense en colaboración co Club Agudos de Vespa e Lambreta Clásica de Ourense.

O salón conta ademais co apoio do coñecido youtuber Santi Martínez de cóntaa “Documentos do Motor” con miles de seguidores afeccionados aos clásicos que realizará dúas presentacións, unha sobre como chegar a converterse en “influencer” neste ámbito e outra que celebrará o 50º aniversario do Citroën CX.

Pola súa banda, a Fundación Estanislao Reverter tamén realizará unha presentación para darse a coñecer entre os afeccionados aos clásicos.

Organizado por Expourense, esta segunda edición do Salón do Vehículo Clásico conta co apoio principal da Deputación Provincial de Ourense á que se sumaron outras entidades que levan meses colaborando estreitamente coa organización para ofrecer aos visitantes un salón sorprendente. Estas entidades son: Escuadra Clásicos de Ourense, a Fundación Estanislao Reverter; a Concellería de Xuventude do Concello de Ourense; Xog-on; Proxecta Galicia – Correduría de Seguros; Marvic Sport; Casla Sport; Club Nipón Ourense; Club Agudos de Ourense; Documentos do Motor Youtube; Motomanía Vigo e Autocares Rías Baixas.

O horario de feira será, tanto o sábado como o domingo, de 11.00 a 21.00 horas. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.

0.18432402610779