Expourense presenta a terceira edición do Salón do Vehículo Clásico

Expourense celebra esta fin de semana, 5 e 6 de abril, a terceira edición do Salón do Vehículo Clásico, que xa se consolidou de forma definitiva no calendario do recinto feiral, tras a excelente acollida da súa segunda edición, na que se duplicaron os datos de participación da primeira. En tan só dúas edicións, este salón converteuse nun gran punto de encontro para os afeccionados aos vehículos clásicos de toda Galicia e tamén do Norte de Portugal e de comunidades como Asturias, Castela e León ou Madrid.
Esta terceira edición foi presentada esta mañá nun acto que contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; do deputado provincial de Ourense, Jorge Pumar; do tenente alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Estiveron acompañados por representantes das distintas entidades colaboradoras.
O 3º Salón do Vehículo Clásico contará coa presenza de 57 expositores especializados no sector do clásico, entre os que se atopan tanto compravendas e talleres de reparación como empresas de recambios, accesorios, compoñentes, pintura, miniaturas, etc. A área expositiva inclúe ademais a participación de máis de 150 vehículos clásicos (matriculados ata 1995, é dicir, con mínimo 30 anos de antigüidade), entre os que se poden atopar tanto coches como motos. Estes vehículos de exposición están cedidos por coleccionistas privados, restauradores, mecánicos, clubes e particulares.
Nesta exposición poderán verse atractivos como o mítico “Alpinche”, cedido pola Fundación Estanislao Reverter; o bus de Autocares Cuíña ou tres mostras de vehículos clásicos cedidos pola Policía Nacional, a Garda Civil e o Ministerio de Defensa.
Destaca ademais a presenza dunha vintena de clubes de afeccionados a marcas ou modelos concretos a nivel nacional (Club Lancia España, Alfa Romeo, American Cars, Seat 124 ou Mercedes W123), que compartirán espazo con clubes galegos ou portugueses afeccionados unidos por unha marca ou procedencia territorial (Escudería Ourense, Barreiristas de Galicia, Club Nipón ou as escuderías de Clásicos do Condado-Paradanta; Ribeira Sacra; Arenteiro; Taboadela; O Irixo; Melgaço; Petín, etc.).
Un dos grandes atractivos desta cita para os amantes do sector é o Parking de Clásicos. O recinto contará con dúas áreas reservadas (unha interior e outra exterior) para que aparquen nel (ata completar aforo) os visitantes que se despracen ata Expourense ao volante do seu clásico. Cada coche ou moto clásica que aparque nesta zona recibirá dúas invitacións para visitar o salón sen custo. Recoméndase que aqueles que decidan asistir co seu clásico se inscriban previamente a través da web do evento www.salonvehiculoclasico.com. Ata a data, xa se recibiron máis de 300 inscricións de clásicos de particulares que confirmaron a súa visita a esta cita.
Programa de actividades
Esta terceira edición contará cun completo programa de actividades. Xa foi convocado o Segundo Concurso de Elegancia, que conta con 10 coches finalistas e que estarán expostos no salón. Estes finalistas presentaranse no perfil do salón para que os seguidores poidan votar polo “Premio do Público” e, xa na feira, serán valorados tamén por un xurado profesional. Entre os participantes no Parking de Clásicos celebrouse tamén o Concurso “O Meu Clásico de Portada”, cuxo coche gañador será a imaxe do cartel da cuarta edición, que se celebrará en 2026. A entrega de premios de ambos concursos está prevista para o domingo 6 de abril ás 13.00 horas.
En colaboración co Concello de Ourense e a empresa ourensá “Xog-on”, organizouse tamén o 2º Campionato de Simracing de Clásicos, que volverá contar coa locución do youtuber Mario Soler, unha das grandes referencias no sector. Tamén se celebrará a Segunda Competición de Rallye Clásicos de Slot “Cidade de Ourense”. A terceira das competicións na que poden participar os visitantes será a 2ª Copa para “Lentos en Moto”, organizada por Expourense en colaboración co Club Avispados de Vespa e Lambreta Clásica de Ourense.
Unha das actividades estrela desta edición será a mesa de debate titulada “Vellos pero bravos. Ferro vs Chips. Por que o teu avó confiaba máis no teu coche que ti no teu?”. Terá lugar o sábado 5 de abril ás 18.30 horas. e contará coa participación de tres recoñecidos expertos que se converteron en “influencers” do coche clásico: Santi Martínez (@documentosdelmotoryoutube), Javito Rivas e Mario Soler. Ademais, haberá conferencias e presentacións de efemérides, como o 50º aniversario do Seat 131.
Outra das actividades que terá continuidade será a Ruta de Clásicos, prevista para o domingo 6 de abril pola mañá. Saíra de Expourense con destino á Fundación Estanislao Reverter e percorrerá os arredores da cidade. Esta ruta está calculada para 40 coches clásicos e as prazas para participar esgotáronse ao día seguinte da apertura das inscricións.
Organizado por Expourense, esta terceira edición do Salón do Vehículo Clásico conta co apoio principal da Deputación Provincial de Ourense, á que se sumaron outras entidades que levan meses colaborando estreitamente coa organización para ofrecer aos visitantes un salón sorprendente. Estas entidades son: Escudería Clásicos de Ourense, Fundación Estanislao Reverter, Concello de Ourense, Xog-on, Proyecta Galicia – Correduría de Seguros, Marvic Sport, Casla Sport, Club Nipón Ourense, Club Avispados de Ourense, Documentos del Motor Youtube, Motomanía Vigo, Autos González, masventana, Autogal BMW, Autocares Rías Baixas e Renfe.
O horario da feira será o sábado 5 de abril de 10.00 a 21.00 horas e o domingo 6 de abril de 10.00 a 20.00 horas. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.