Expourense pechou o 2024 con 142.000 visitas procedentes de 31 países

A Fundación Expourense presentou esta mañá os datos de 2024, 12 meses de intensa actividade nos que a actividade feiral e a deportiva compartiron protagonismo a través da organización de 10 feiras (tres delas co Selo de Internacionalidade do Goberno de España) e 43 competicións deportivas campionatos de atletismo (dous deles de carácter nacional).
A estas actividades sumouse tamén a sanitaria, xa que as instalacións de Expourense volveron converterse en “vacinódromo” para a vacinación simultánea de Gripe e Covid das persoas maiores de 60 anos entre os meses de outubro e novembro. Nese período administráronse no recinto máis de 27.000 doses. Os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e sanitario) superaron as 142.000 visitas.
A actividade de Expourense no 2024 está recollida nunha publicación que foi presentada esta mañá nun acto presidido polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, que acudiu coa delegación expresa do presidente do Padroado da Fundación, o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez. Estivo acompañado polos representantes das entidades que tamén forman parte do Padroado como Manuel Pardo Cid, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense; Marta Nóvoa Iglesias, vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense e alcaldesa do Concello de San Cibrao das Viñas; e José Manuel Nogueira Durán, coordinador institucional de ABANCA.
A presentación dos datos de actividade de 2024 correu a cargo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, quen insistiu en que “Expourense é a casa de todos, un espazo de cooperación público-privada no que todos temos o mesmo
obxectivo: o desenvolvemento socioeconómico de Galicia en xeral e da nosa provincia de Ourense en particular. E contribuímos a todo isto organizando citas únicas que fomentan a competitividade das nosas empresas e que facilitan contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía, a industria funeraria, o turismo activo ou a automoción”.
FEIRAS
Expourense organizou en 2024 un total de 10 feiras, tres delas (Funergal, Termatalia e Xantar) co Selo de Internacionalidade outorgado polo Goberno de España e que supoñen a metade das feiras internacionais celebradas en Galicia no 2024. Relacionado coa internacionalización dos proxectos do recinto destacou a promoción de Termatalia en América Latina que culminou coa entrega da sede á municipalidade de Paipa, no departamento de Boyacá, para organizar Termatalia Colombia 2025, que será a sexta edición da feira en América.
O 2024 foi o ano tamén da consolidación do Salón do Vehículo Clásico que celebrou a súa segunda edición e consolidouse como cita fixa do calendario feiral. Ademais tres citas arriba mencionadas, Expourense organizou en 2024 outras seis citas feirais: Previsel, Car Outlet, Antiq Auria, Salón do Automóbil Novo e de Ocasión e Sportur Galicia. Estas citas reuniron a un total de 489 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación pódese falar de 31 países representados (Alemaña, Arxentina, Australia, Bélxica, Brasil, Chile, China, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Estados Unidos, Francia, Hungría, Israel, Italia, Lituania, México, O Salvador, Países Baixos, Panamá, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Serbia, Suecia, Suíza, Tailandia, Taiwán e Uruguai).
Estes datos confirman a Expourense como servizo público á disposición do tecido produtivo ourensán e como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, a industria funeraria, turismo activo ou a automoción.
ACTIVIDADE DEPORTIVA
Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta (denominada short track ou pista curta), unha das tres de España e unha das mellores de Europa. No ano 2024, esta pista acolleu 43 de competicións deportivas e sesións de adestramiento que reuniron a un total de 26.200 visitas.
Expourense acolleu no 2024 un Campionatos de España Absoluto de Atletismo e a primeira competición internaiconal, o Mitin Transfronteirizo de Atletismo.
Máis alá do atletismo, as instalacións de Expourense continuaron a ser unha pista polideportiva que acolleu campionatos e adestramentos doutras disciplinas deportivas como Campionato de España Absoluto de Halteroflia celebrado no recinto no mes de xuño.
EVENTOS
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha vintena de eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referenteno sector MICE (organización de ferias, eventos, congresos e incentivos) de Galicia e constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.
O recinto foi elixido por varios partidos políticos para realizar distintos actos de campaña no que estiveron presentes os líderes nacionais do PSOE (Pedro Sánchez), do Partido Popular (Alberto Núñez Feijóo) e de Vox (Santiago Abascal); por empresas de formación como Ilerna para realizar os seus exames oficiais o como Saltoki que impartiu no recinto formación aos seus asociados e clientes.
As instalacións de Expourense acolleron ademais o II Congreso de Viticultura Sostible de Interempresas que reuniu 500 profesionais do sector e foi tamén o escenario elixido pola Consellería de Educación, Cultura, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para entregar os seus Premios InnovaTECH FP. Tamén foi o lugar elixido para organizar, por primeira vez en Galicia, o parque educativo e de lecer Funtastik que reuniu a máis de 10.000 persoas en dúas fins de semana.
A estas actividades súmanse xa outros eventos habituais como o Rallye de Ourense ou o “OUR FEST” que celebrou a súa terceira edición con Miles Kane e JAke Bugg como cabezas de cartaz. Tamén foron as instalacións elixidas para ofrecer lecer ás familias ourensás acollendo ao longo do ano unha exposición interactiva de dinosaurios e dous circos.
FORMACIÓN
No 2024, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Organizou tres Congresos Internacionais que se celebraron de xeito paralelo e complementario a dúas das citas do seu calendario feiral: o III Congreso Internacional de Directivos Funerarios de Funergal; o V Congreso Internacional sobre Auga e Saúde o V Congreso Internacional de Turismo e Deporte celebrado de forma conxunta con Sportur Galicia. Os tres eventos celebráronse en formato híbrido entre presencial e virtual e tamén puideron ser seguidos en español ou inglés.
Tamén no 2024, Expourense e a empresa ourensá de marketing dixital DixitalGou puxeron en marcha unha nova edición, a segunda, edición de Inspiro, o Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) tanto de Galicia como do Norte de Portugal..
A estes congresos hai que sumar as xornadas técnicas organizadas en feiras como Previsel ou Xantar ou o Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables- Arquitectura Sostible organizado de forma conxunta coa empresa ourensá Ingeo e que celebrou a súa 17ª edición.
Expourense é tamén un centro autorizado para impartir formación a desempregados a través dos Cursos AFD da Xunta de Galicia. Durante o 2024 impartíronse 12 cursos, algúns deles dúas ou tres veces ao longo do ano. Participaron neles un total de 173 persoas.